O polbo á mugardesa atrae un ano máis a milleiros de persoas para gozar da receita máis afamada da vila

O polbo á mugardesa atrae un ano máis a milleiros de persoas para gozar da receita máis afamada da vila
Mugardos. Festa do Polbo

A de onte foi unha xornada moi longa e intensa en Mugardos. Arredor das oito da mañá comezaba a funcionar baixo a carpa instalada no parque da Constitución a maquinaria necesaria para a celebración dunha das citas máis importantes do ano na vila: a XXIX Festa do Polbo.

O cociñeiro Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, foi por segundo ano consecutivo o encargado de elaborar unha receita de marcado carácter tradicional e cociñada con produto cen por cen galego.

Uns 1.500 quilos do afamado cefalópodo foron os empregados para as máis de 3.500 racións servidas, pratos que desde a unha do mediodía comezaron a saír sen tregua dos fogóns para deleitar os máis esixentes padais. Estes puideron gozar así mesmo das arredor de 2.400 racións de empanada de polbo, preparada neste caso pola Panadaría García López. 

Xunto ao “chef”, un equipo de preto de corenta persoas ocupouse de que todo saíse á perfección para seguir a manter o nivel dunha festa á que ano tras ano acoden milleiros de persoas, non só da comarca, senón tamén doutros puntos da comunidade.

A festa, erixida xa en un importante reclamo turístico para o municipio, supón tamén o pistoletazo de saída ao verán e un intenso programa de festas que se prolongará ata o vindeiro día 22 con multitude de propostas para todos os públicos.

Visitantes
A concelleira de Cultura de Mugardos, Lola González, salientaba onte o gran ambiente que xa desde media mañá había no pobo. En coche -habilitáronse diferentes espazos para o estacionamento– ou por lancha, opción que tivo unha excelente acollida, os visitantes foron chegando á vila para gozar do sabor do prato estrela da xornada mais tamén para gozar da animación que durante todo o día houbo na rúa.

Moitos aproveitaron o seu paso pola festa para retratarse co polbo formado por 50.000 luces tipo LED que xa o ano pasado luciu no paseo marítimo e que foi adquirido polo Concello á empresa Iluminacións Santiaguesas. “Estse días houbo xente que veu a propósito á vila para facerse unha foto co polbo”, comentaba onte a concelleira. 
Tradicional
Miguel Mosteiro salientaba onte a boa acollida que este receita tradicional de Mugardos –un “guiso mariñeiro” que ten na cebola, pemento vermello e verde, aceite de oliva e pimentón os seus principais ingredientes– ten entre a xente.

Salientou ademais a excelente organización da festa mugardesa, á que el voltou onte por segundo ano consecutivo para encargarse dos fogóns.

A gastronomía, porén, deixou tamén espazo para a troula, á que contribuíron a Charanga Mekánica durante o mediodía e os Kilomberos de Montealto pola tarde. O Grupo Claxxon amenizou a verbena pola noite sobre o escenario instalado no Cantón de Cora, con gran afluencia de público.

O polbo á mugardesa atrae un ano máis a milleiros de persoas para gozar da receita máis afamada da vila

Te puede interesar