viernes 22/1/21

A plataforma Cultura Ferrolterra reclama ás administracións unha aposta firme pola creación local

A praza do Alcalde Ramón Souto acolleu un novo acto reivindicativo que incluíu varias actuacións
Un momento da actuación do tándem formado por Roger de Flor e Nico Vidal  | jorge meis
Un momento da actuación do tándem formado por Roger de Flor e Nico Vidal | jorge meis

O sector cultural e do espectáculo da comarca volveuse mobilizar onte na praza Alcalde Ramón Souto de Fene nun emotivo acto que ao seu carácter reivindicativo sumou diferentes propostas artísticas, desde música en directo ata poesía, pasando por performances, pintura en vivo ou danza.

Organizada pola plataforma Cultura Ferrolterra, a convocatoria foi un éxito, en palabras dunha das súas promotoras, Eugenia Sanmartín, que onte volveu chamar a atención sobre a situación na que se atopan os profesionais do sector desde que comezou a pandemia, no mes de marzo, e que se teñen agravado a partir dos primeiros días deste mes coas novas restricións e o peche perimetral de varios concellos da comarca.

“Estase a tratar a cultura como algo prescindible e superficial, e iso é un erro moi grave”, laiouse onte Sanmartín, que criticou ademais que o sector “se considere un ben de consumo e entretemento, cando é moito máis”.

Durante o acto intercalouse a lectura de fragmentos dun manifesto, que recolle as medidas que pide o mundo do espectáculo e da cultura para evitar a destrución de emprego e o peche de empresas, con diferentes actuacións de artistas da comarca. É precisamente esta, a aposta pola cultura local, unha das demandas que vén realizando o sector e que están trasladando ás administracións e aos representantes políticos de Ferrolterra co obxectivo de que as programacións dos próximos meses os teñan en conta.

Sanmartín, que lembrou que hai experiencias noutros lugares con resultados satisfactorios, cargou ademais contra a política de “bloquear os actos culturais, que é un despropósito”, e instou aos representantes políticos a “tomar as medidas axeitadas porque as que se tomaron ata o de agora é evidente que son claramente insuficientes”.

Comentarios