Pepablo Patinho: “Tratamos todo con sentido do humor para non bloquear o espectador”

Teatro Ghazafelhos opta aos premios María Casares
Pepablo Patinho: “Tratamos todo con sentido do humor para non bloquear o espectador”
Os Ghazafelhos I Jerry Noia

“Ándale, bon apêttit!”, de Teatro Ghazafelhos, é unha das obras con protagonismo de Ferrolterra nominadas aos premios María Casares, cuxa gala se celebra mañá xoves. É a terceira vez que a compañía naronesa opta a estes galardóns trala edición do ano pasado, con “Ninja”, e máis lonxe no tempo, con “A nena e o grilo máis aló”, canda Magín Blanco. Pepablo Patinho é, con Montse Piñón e Jorge Casas, protagonista deste “remix”.

 

“Ándale, Bon appêtit!” estreouse precisamente en Ferrolterra
Si, estreámola o pasado mes de novembro en Narón e a semana inmediatamente posterior tivemos tamén pases escolares, así que moitos dos nenos e nenas da comarca xa a viron.

 

De que trata a obra? 
É un espectáculo de humor, comedia pura e dura, para pasalo ben. Realmente é un remix, porque xa tiñamos un “Bon apêttit!” hai once anos que estivo funcionando e aínda funciona moi ben, pois  estamos con el en cartel. Moita xente dicíanos daquela de facer unha segunda parte e así fixemos: no primeiro caso eran tres cociñeiros franceses que facían receitas galegas e agora fómonos a México e imos facer un pequeno repaso da súa cultura e da súa historia, con personaxes como Pancho Villa, Frida Kahlo, da mitoloxía de La Llorona e, loxicamente, tamén receitas, co noso humor característico, moi familiar e moi gamberro.

 

Ese gamberrismo abre a obra a un público máis amplo? 
Isto é humor puro e duro porque tamén está ben que a xente vaia, desconecte e o pase pipa, sen máis, sen ter que levar cousas que pensar para casa. Mesmo cando facemos drama, como pode ser “Ninja”, o ano pasado, que falaba sobre o acoso escolar, sempre o tratamos desde o punto de vista do humor precisamente por iso, para non bloquear o espectador. Se lle queres dicir cousas importantes, se lle entras desde o principio serio e transcendente, o que podes conseguir é bloquealo e creo que tes que facer ao revés, que estea relaxado, aberto e receptivo ás mensaxes que lle podas dar.

 

O humor como terapia...
Sempre. Creo que se perdemos o sentido do humor estamos perdendo tamén a noción como seres humanos, o que nos fai autocríticos, o que nos fai rir das nosas miserias moitas veces.

 

Cada actor ou actriz, cada humorista, ten unha resposta diferente para a mesma pregunta. O humor ten que ter límites?
Entendo que cada persoa responda dunha maneira distinta, porque os límites poñémolos as propias persoas. Eu creo que non é ofensivo no que se di, senón para quen o recibe polas súas circunstancias ou por como o entende. Se esa mensaxe se manda con ironía, e non con intención de facer dano, no humor cabe todo. O límite, para min, é ese. 

 

Se a mensaxe que damos se envía con ironía e non con intención de facer dano, no humor cabe todo. Ese é o límite, ao meu modo de ver


Percibe no público máis ganas de asistir a espectáculos desde a pandemia? 
Vexo que á xente lle gusta saír, facer cousas, e non só no teatro. O outro día fun coller unha peza para unha cortacéspede e dicíame o empregado que nunca vendera tantas: cada persoa que ten un cachiño de terra xa se bota fóra. Pasamos moito medo, quedamos encerradiños nos pisos e estamos alerta. E penso que é o que hai que facer, vivir a vida, botarse fóra. Vexo máis problemática a adaptación ás novas tecnoloxías, ás pantallas, sobre todo no mundo infantil. Hai un abuso, non sabemos aínda controlar para que nos pode valer, e iso si nos pode quitar moitas veces de facer outras actividades como neste caso ir ao teatro. Que os nenos esa hora ou esa hora e media que están no teatro e que están participando activamente é fantástico para eles, é unha experiencia incrible. Hai que intentar dalgunha maneira volver crear público. Hai uns anos había moito máis, perdeuse un pouco e agora creo que se está a recuperando, e hai que traballalo para que fidelizalos.

 

En que proxectos están a traballar agora? 
Nunca paramos. Estamos en mil proxectos. Damos clases de teatro en Narón, Moeche, Cariño, Mugardos... Estamos con obras que diriximos para xente de fóra e imos comezar a montar a cuarta entrega de “A nena e o grilo”, con Magín Blanco, que estrearemos tamén en Narón. Levamos tantos anos con eles –dez– que quixemos facer a última entrega. Magín di que será a última, pero eu non o creo (ri)... 

Pepablo Patinho: “Tratamos todo con sentido do humor para non bloquear o espectador”

Te puede interesar