Paula Carballeira: “Este torneo pon o foco na dramaturxia e iso paréceme moi interesante”

Paula Carballeira: “Este torneo pon o foco na dramaturxia e iso paréceme moi interesante”
A autora fenesa Paula Carballeira, nunha recente imaxe

Non é a primeira vez que participa nun evento deste tipo mais si será a súa estrea na cita organizada pola produtora LaZona. Paula Carballeira (Fene, 1972) é unha das oito dramaturgas e dramaturgos do territorio español que este ano configuran o cartel do IV Torneo de Dramaturxia do Teatro Español de Madrid. Faino co apoio do Centro Dramático Galego, que colabora así con esta iniciativa no espazo escénico madrileño no marco do seu impulso á autoría teatral contemporánea.

Por mor da actual situación derivada da Covid-19, esta cuarta edición transmitirase en “streaming” e o público será o encargado de elixir, a través das súas votacións, o texto gañador.

Oito autores mediranse en combates de dous en dous en sucesivas rondas eliminatorias. A primeira fase, a de cuartos, comezou onte co primeiro duelo. Hoxe, ás 17.00 horas, será a quenda da fenesa, cuxo texto medirase ao de Jose Padilla.

Lecturas dramatizadas
Ámbolos dous serán interpretados, a través dunha lectura dramatizada, polos actores implicados nesta edición. O público poderá votar en liña nos tres minutos inmediatamente posteriores á súa transmisión na canle de Youtube do Teatro Español e, tal e como lembran desde a organización, mantense a fórmula de non coñecer con antelación a autoría de cada unha das oito pezas, escritas todas elas especialmente para este torneo.

Carballeira, que tamén é directora de escena, actriz e narradora oral, ademais de autora de numerosos libros, salientaba onte, recén chegada á capital madrileña, o formato do programa ao que este ano foi convidada.

“Destacaría sobre todo o feito de que pon o foco, o punto de atención, na dramaturxia. No teatro, a xente ve a posta en escena, aos actores, actrices... e poucas veces se lle presta tanta atención á dramaturxia. De feito, neste torneo, o público vota sen saber quen é o autor ou autora do texto que máis lle gustou e a min isto paréceme moi interesante, porque así o público participa activamente”, di. “É todo como un xogo”, engade, o que lle confire á cita moita emoción. De feito, será esta mesma mañá, unhas horas antes da retransmisión da peza, cando coñeza aos actores que se encargarán de dramatizar ou seu texto.

Con certos nervios, aínda que “encantada por participar nesta experiencia”, afrontará esta tarde un evento que, á marxe do resultado, permite convertir o texto teatral, moitas veces eclipsado pola posta en escena, no absoluto protagonista. Dos catro “combates” a dous que se prolongarán ata o sábado –desenvólvense desde onte un ao día– sairán os catro semifinalistas.

Paula Carballeira: “Este torneo pon o foco na dramaturxia e iso paréceme moi interesante”

Te puede interesar