Palestras e música para reivindicar a figura de Ricardo Carvalho Calero

Palestras e música para reivindicar a figura de Ricardo Carvalho Calero
De esquerda a dereita Bernardo Máiz, Dobarro, Álvaro Montes e Manolo Pazo

A figura do profesor, investigador e escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero volverá ser enxalzado na súa cidade natal a través dun programa de actividades que darán comezo hoxe para se prolongar ata o mes de abril.
A primeira das palestras organizadas terá lugar esta tarde, a partir das 20.00 horas, no Ateneo Ferrolán. Xosé María Dobarro e Aurora Marco achegarán ao público as facetas como profesor e lingüísta do autor.
O programa continuará o 12 de abril, nesta ocasión na sede da Fundaçom Artábria, coa conferencia de Enrique Dacosta titulada “Carvalho; o estudoso da literatura”. Será ás 20.00 horas.

Seguiralle o 19 de abril o historiador Bernardo Máiz Vázquez, no seu caso para afondar na acción política do homenaxeado nunha sesión prevista para as 20.00 horas no Ateneo Ferrolán.
De dar conta da faceta de Carvalho Calero como creador literario encargaranse Carmen Blanco e Cláudio Rodríguez no decurso dunha cita que terá lugar 26 de abril, ás 20.00 horas, no centro cultural Torrente Ballester.
O 10 de maio, ás 20.00 horas no Torrente Ballester, proxectarase o documentario “Vieiros de esperanza”, creado por Antón Rodríguez.

O programa rematará o 18 de maio cunha xornada lúdico festiva no teatro Jofre –20.00 horas– no que haberá espazo para a poesía e a música, coa participación de diferentes convidados, e no que tamén intervirá María Victoria Carvalho Calero Ramos.

Presentación
O concelleiro de Participación e Normalización do Concello de Ferrol, Álvaro Montes, presentou onte o programa da homenaxe ao ilustre historiador e lingüísta nado en Ferrol Vello, para o que o municipio por unanimidade e co apoio da Mancomunidade da ría de Ferrol segue a reivindicar a Real Academia Galega que se lle adique o Día das Letras Galegas.

Tres dos membros da comisión que traballa por acadar este obxectivo, Bernardo Máiz, Xosé María Dobarro e Manolo Pazo –non puido estar presente Vítor Santalha–, achegaron os detalles dun programa aberto a toda a cidadanía.

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-1990), poeta, ensaísta e dramaturgo foi, entre outras cousas, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega da USC. É tamén fillo predilecto do Concello de Ferrol.

Palestras e música para reivindicar a figura de Ricardo Carvalho Calero

Te puede interesar