Pablo Devigo, gaiteiro: "O Constantino Bellón segue a ser o mellor premio de gaita do mundo"

Pablo Devigo, gaiteiro: "O Constantino Bellón segue a ser o mellor premio de gaita do mundo"

“Foi unha sorpresa. Como moito agardaba un accésit pero gañar catro veces consecutivas o Constantino Bellón non o esperaba, sinceramente”. Así falaba o domingo o músico e gaiteiro ourensán Pablo Devigo (Castro Caldelas, 1989) quen aos 23 anos vén de facer historia no certame de gaita que organiza o Ateneo Ferrolán e que o sábado celebrou a final da súa XXI edición no teatro Jofre. Devigo logrou o premio e os 3.000 euros cunha adaptación da obra “Asturias”, de Isaac Albéniz.    

Non pode chegar a ser aburrido gañar sempre?
O Constantino Bellón nunca é aburrido porque sempre hai cambios. Desde que se creou no ano 1991, e desde que eu o sigo, sempre soubo adaptarse ás novas tendencias no mundo da gaita, ás propostas máis anovadoras deste instrumento.

Refírese ao feito de adaptar obras como “Asturias” de Albéniz, unha peza para piano.
Efectivamente. O Constantino Bellón foi evolucionando ata o punto de que obriga aos gaiteiros a aumentar o seu abano de propostas, a amosar que se poden resolver notables dificultades técnicas con obras musicais antes impensables de interpretar e mostrar unha maior versatilidade coa gaita.

Dentro do panorama actual en que lugar situaría vostede o premio Constantino Bellón?
Hai dous premios internacionais dun gran prestixio que son o MacCrimmon (antes Trofeo Macallan) de Lorient e o Bellón. A diferencia co francés é que este de Ferrol é de gaita galega en exclusiva. Neste ámbito sen dúbida é o máis importante do mundo e o que segue a ter un maior prestixio.

Repetirá no certame do Ateneo?
Teño 23 anos e non vou renunciar a nada á miña idade, pero probablemente á proxima edición do Constantino Bellón non me presente.

A finais dos anos 90 houbo un boom da gaita con bandas e solistas. Como ve agora a situación musical?
Como fixo a gaita irlandesa e algúns instrumentos xaponeses, creo que a estas alturas a gaita galega debe apostar pola calidade. Debe pasar do ámbito popular e a festa ata o culto, e iso implica aos músicos mellorar e aos luthiers construír mellores instrumentos. A nivel persoal un dos momentos que recordo con máis agrado foi hai un ano cando actuei coa Real Filharmonía de Galicia nun concerto de abono.

Cales son os seus actuais proxectos?
Nunca imaxinei que a gaita sería un instrumento tan importante para min, que chegaría ata estes límites. Estudei composición no Conservatorio de Asturias e o Grao superior de dirección de orquestra. Para o ano gustaríame ir a Estados Unidos a facer un máster nesta disciplina, á que lle vou adicar un 90 ou un 100% dos meus esforzos.

Finalmente, augura un bo futuro ao Premio Constantino Bellón?
Se estivese na organización apostaría definitivamente por facer un premio bienal. Xa non polos cartos, senón porque daría tempo aos músicos a preparar mellor os temas e ao espacialo máis no tempo a intensidade tamén sería maior. Xa hai algún certame que está apostando por isto. n

Pablo Devigo, gaiteiro: "O Constantino Bellón segue a ser o mellor premio de gaita do mundo"

Te puede interesar