Os Cempés actuarán o día 19 no IES Concepción Arenal

O grupo galego Os Cempés actuará o vindeiro día 19 de xuño no IES Concepción Arenal. Farano no marco da celebración do festival musical “A mocidade coa lingua” que desde hai anos organiza a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra en colaboración co Concello de Ferrol, a través da área de Normalización.
A cita mudará este ano de lugar. Así, trala celebración das últimas edicións no parque Raíña Sofía da cidade naval, nesta ocasión será o patio IES Concepción Arenal o lugar elixido para o desenvolvemento dun certame no que tres bandas de estudantes loitarán polo primeiro premio.
Trátase dos grupos “Rapatios”, do colexio Atios de Valdoviño, “Far away place”, do Concepción Arenal, e “Toxos Bravos”, do IES Fernando Esquío de Neda. Tan só no Concepción Arenal foi preciso celebrar a fase eliminatoria para escoller ao finalista ao haber máis dun candidato.
Os gañadores da cita recibirán 90 euros, por 60 dos segundos e 40 para os terceiros.
As actuacións comezarán a partir das 10.30 horas. O obxectivo do festival é promover o emprego da lingua galega entre a mocidade e, ao mesmo tempo, potenciar a creatividade artística dos propios rapaces, neste caso a través de creación  e interpretación musical.

teatro con g
Por outra banda, aínda que tamén baixo a organización da Coordenadora de Equipas e o Concello de Ferrol, hoxe continuará o ciclo “Teatro con G”, dirixido a estudantes de diferentes ciclos e protagonizado, tamén en boa medida, polos propios rapaces.
De feito, a sesión de hoxe correrá a cargo do grupo de teatro do IES Carballo Calero, que poñerá en escena a obra “Quen somos?”. A cita terá lugar a partir das doce da mañá no centro cultural Torrente Ballester e á mesma acudirán, ademais de compañeiros deste instituto, estudantes dos IES Canido, Concepción Arenal ou Saturnino Montojo.
Desde o pasado 15 de maio desenvolvéronse xa tres sesións do programa, que continuará o vindeiro 18 de xuño para se retomar xa en outubro, cunha obra de teatro a un recitado de    poesía. n

Os Cempés actuarán o día 19 no IES Concepción Arenal

Te puede interesar