Ortigueira fusiona o mel e as mazás nunha feira repleta de actividades

Ortigueira fusiona o mel e as mazás nunha feira repleta de actividades
A feira terá lugar baixo unha carpa instalada na Alameda de Ortigueira

A vila de Ortigueira acollerá este sábado a celebración da trixésimo primeira edición da Feira do Mel e a quinta da dedicada á mazá, dous produtos que “se fusionan moi ben” tal e como salientan desde a delegación de AGA (Asociación Galega de Apicultura) no Ortegal.

Esta entidade é a impulsora, xunto ao Concello, dun encontro que reunirá a máis de corenta expositores e que incluirá un intenso programa de actividades. Haberá tamén artesanía e produtos de denominación de orixe como a faba de Lourenzá ou o queixo San Simón da Costa, así como cervexa artesanal.

A feira será inaugurada ás dez da mañá baixo unha carpa instalada na Alameda. Alí permanecerán instalados os postos e se desenvolverán as propostas deseñadas pola organización.

Diplomas

Ás 13.00 horas terá lugar a entrega de diplomas aos colexios Manuel Fraga Iribarne de Cariño e José María Lage de Ortigueira, que colaboraron no evento a través dun certame de debuxos para ilustrar o cartel deste ano –escolléronse tres ilustracións de cada centro–.

As persoas que desexen xantar na zona poderán escoller entre as racións de churrasco e paella que serán servidas a un prezo de oito e seis euros, respectivamente.

Desde e mañá iranse sucedendo ademais os sorteos de cestas de produtos típicos. O primeiro será ás 12.00 horas, para continuar ás 14.00, 15.30, 17.00 e 18.30 horas na carpa da feira.

Xa pola tarde, ás 16.00 horas, impartirase un obradoiro de extracción de mel, ao que se sumarán outros talleres de velas, un muíño de pimentón e un de prensado e degustación de ata sete variedades diferentes de mazás da comarca para degustar os seus respectivos zumes.

As degustacións de produtos elaborados con mel e mazá de Ortegal darán comezo ás 17.15 horas no mercado da vila.

Xa na recta final do programa, o público poderá participar dunha gran queimada que contará coa presenza do “Meigo da Noite Meiga do Barqueiro”. A animación infantil, unha charanga e a actuación dun dj completarán o programa. A divulgación, promoción e posta en valor dos produtos locais segue a ser un dos principais obxectivos da feira. “O mel de Ortegal é dunha excelente calidade. Podémonos atopar con meles monoflorais de eucalipto nas zonas de costa e na montaña a de brezos e castaño. Incluso algunhas delas están certificadas polo prestixioso consello regulador Miel de Galicia, recoñecidos estes meles fóra do noso país”, comenta Manuel Rodríguez, de AGA Ortegal.

Ortigueira fusiona o mel e as mazás nunha feira repleta de actividades

Te puede interesar