As Olimpíadas de Peñas Mugardesas regresan á vila

Tras varios anos sen celebrarse, as Olimpiadas de Peñas Mugardesas volven este ano á oferta lúdica e de lecer da vila. Fano grazas ao empeño dun grupo de mozos que decidiron retomar con “moitísimas ganas”

As Olimpíadas de Peñas Mugardesas regresan á vila

Tras varios anos sen celebrarse, as Olimpiadas de Peñas Mugardesas volven este ano á oferta lúdica e de lecer da vila. Fano grazas ao empeño dun grupo de mozos que decidiron retomar con “moitísimas ganas” unha iniciativa que terá lugar desde este venres e ata o 21 de xullo, coincidindo coa Festa do Polbo e os festexos do Carme. Ata o de agora están inscritas xa uns sete grupos, aos que aínda poderán sumarse aqueles que desexen participar nas actividades e que se poderán inscribir no mesmo momento do inicio do evento.
O programa, que ten entre os seus obxectivos contribuír a animar o ambiente na vila, terá dous días “máis relevantes que os demais”, apuntan desde a organización, que recae na denominada Comisión de Caralladas Mugardesas.
Desfile inaugural
Un deles será este mesmo venres, cando terá lugar o desfile inaugural. Partirá do peirao para iniciar un percorrido no que unha persoa de cada grupo portará a gran antorcha olímpica coa que se prenderá o pebeteiro, Unha vez no Trope terá lugar unha queimada e un campionato de dados.
Outro dos pratos fortes chegará o día 18, co “tunning” e a subida de carretillas. “Cada peña decora unha carretilla e a máis orixinal será a gañadora desa proba”, explican.
A continuación terá lugar a subida das mesmas, no que cada participante terá que cubrir un circuito cun caldeiro de auga dentro, gañando o que chegue con máis cantidade á meta. A canción de tasca, carreira de ovos ou xogos como o brilé, o rizón, as pirámides humanas, carreiras de sacos, tiro da corda ou o da rá sucederanse ao longo da semana nunha “festa para o pobo feita polo pobo”, lema da proposta. l