Os obradoiros Coro da Capo e Coro Peque Solidarium retoman as actividades para o mes

Os obradoiros Coro da Capo e Coro Peque Solidarium retoman as actividades para o mes
Un intre da presentación da nova tempada das propostas de canto organizadas polo Concello naronés | cedida

O Coro Peque Solidarium e o Coro da Capo de Narón retomarán o vindeiro mes a súa actividade. A alcaldesa da vila, Marián Ferreiro, e os edís de Mocidade, Pablo Mauriz, e Educación, Mercedes Taibo, presentaron na mañá de onte estas iniciativas acompañados por Graciela Galdo, unha das directoras das devanditas formacións musicais. Ferreiro anunciou que o prazo de inscrición nestas dúas propostas abrirase o vindeiro luns, día 24.

Os obradoiros Coro Peque Solidarium enmárcanse no Programa municipal de educación extraescolar (Promedex) de Narón e diríxense a menores de 6 a 12 anos ou de 13 a 15 e impartiranse os sábados de 12.00 a 13.00 horas e de 11.00 a 12.00 horas, respectivamente, no Auditorio municipal naronés. En total, ofértanse un total de 45 prazas, 25 para rapazas e rapaces de 6 a 12 anos, e terán preferencia á hora de asistir as persoas que estean empadroadas en Narón.


Segundo se adiantou desde o Concello naronés, estas propostas permitirán aos menores “poder facer novas amizades e compartir momentos cantando, ao tempo que adquiren coñecementos musicais”.

No caso do obradoiro de Coro da Capo ofértanse un total de trinta prazas, para persoas de entre 16 e 35 anos e tamén con preferencia para aquelas empadroadas en Narón. As sesións terán lugar os sábados, de 13.00 a 14.00 horas no Auditorio municipal.


Graciela Galdo, directora destes coros xunto con Cristina Teijeiro e Olga López, valorou o feito de que se poidan retomar estes obradoiros para o mes. “Estamos desexando volver a empezar con estas actividades porque a música é moi importante na vida e os rapaces e rapazas necesitan da música e desta posibilidade de interactuar e coñecer a outros compañeiros e compañeiras”.


Pola súa banda, a alcaldesa da cidade destacou “a boa acollida destes obradoiros” e agradeceu a labor das tres directoras dos coros, “polo excelente traballo que realizades coa xente que participa”, subliñou. A rexedora, xunto cos seus compañeiros de corporación, animou ás veciñas e veciños aos que se dirixen estas convocatorias a anotarse “para desfrutar da música e dun tempo de lecer e aprendizaxe”, dixo.


Estes obradoiros impartiranse dende febreiro ata o vindeiro mes de xuño e a taxa por asistir é de 8,15 euros ao mes. As prazas cubriranse por orde de inscrición, podendo realizadas dende o vindeiro 24 de xaneiro, ás 8.30 horas no Rexistro do Concello, na Sede Electrónica de Narón ou a través de calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, que regula o Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Os obradoiros Coro da Capo e Coro Peque Solidarium retoman as actividades para o mes

Te puede interesar