“A obra ‘Ninja’ pode ser unha ferramenta máis para visibilizar o problema do acoso escolar”

“A obra ‘Ninja’ pode ser unha ferramenta máis para visibilizar o problema do acoso escolar”
Imaxe doutra das múltiples obras creadas polo grupo Ghazafelhos | jorge meis

Amelia é unha nena que vive no rural galego. Encántalle a cultura oriental, o karate, o kung fu, as películas de Bruce Lee e Jackie Chan. O seu soño é ser unha ninja e adestra todos os días para pasar inadvertida. Neste proceso descobre que no seu colexio hai moitas nenas e nenos que queren ser invisíbeis para deixar de sufrir acoso nas aulas. Coa axuda do seu veciño, o señor Edelmiro, buscarán a forma de dar visibilidade ao que está a acontecer.
 

Esta é a sinopse de “Ninja”, a nova creación de Teatro Ghazafelhos, que esta tarde será estreada no Pazo da Cultura de Narón (18.00 horas). Trátase da vixésimo sexta produción da recoñecida compañía nacida en 2006 en Narón e integrada por Montse Piñón, Jorge Casas e Papablo Patinho, autor e director da obra que aborda a problemática do acoso escolar a través dunha historia chea de humor e que reflexiona sobre o respecto, o apoio mutuo e a diversidade.
 

“O que queremos, en primeiro lugar, é que sexa unha obra amena e divertida. Falamos da invisibilidade e reivindicamos a necesidade de coidar a vida, traballar en equipo e compartir os malestares. Vivimos en sociedade e onde hai problemas, repercutirá en todos”, di. 
 

Como teatro familiar que é, recoñece que esta nova peza pode ser “unha ferramenta máis para contribuír a visualizar e falar dos problemas”, neste caso o que ten que ver co acoso escolar, sen deixar nunca de lado a alegría e diversión que caracterizan as obras do grupo naronés. En “Ninja” xogan ademais coa simboloxía da cultura oriental e das expresións artísticas de diferentes momentos históricos –inclúe un teatro de sombras–. A música da peza foi creada polo dúo fenés BellónMaceiras, formado polos músicos Dani Bellón e Diego Maceiras, que compuxeron pezas de música tradicional con sonoridade oriental para acompañar a trama. “Para nós é un luxazo ter esta banda sonora”, salientan.
 

“Con ‘Ninja’ gustaríanos achegar o noso gran de area para visibilizar unha problemática que afecta a moitos nenos e nenas e que está máis estendida do que parece”, comenta Patinho. Un estudo publicado en maio deste ano pola Fundación ANAR asegura que en 2020 un de cada dez escolares no estado español sufríu “bulling” en máis de dúas ocasións ao mes.
 

Logo da estrea desta tarde no Pazo da Cultura –as entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral; 6,65 para abonados; e 5,50 para menores de 12 anos–, a obra representarase mañá e o martes para o público escolar.

“A obra ‘Ninja’ pode ser unha ferramenta máis para visibilizar o problema do acoso escolar”

Te puede interesar