sábado 16/1/21

O PSOE de Ares arremete contra o BNG por pedir “recorte en servizos”

A agrupación socialista de Ares acusa ó BNG de estar “supeditado aos intereses do Partido Popular” por reclamar “que o grupo de goberno recorte en servizos, como o da Polícia Local ou o que se presta na Casa da Xuventude

A agrupación socialista de Ares acusa ó BNG de estar “supeditado aos intereses do Partido Popular” por reclamar “que o grupo de goberno recorte en servizos, como o da Polícia Local ou o que se presta na Casa da Xuventude, e mesmo que se despida a persoal municipal”. Así o fan constar nun comunicado de prensa moi duro coa formación nacionalista local, á que acusan de manter “posicións totalmente liberais e de dereitas”. “O que o BNG esixe noutras administracións ao PP, aquí, coa mesma excusa da crise económica que empregan os conservadores para destruír os investimentos e os servizos públicos, así como o mantemento dos postos de traballo, nos piden recortes en servizos importantes e despidos”, apuntan desde o grupo socialista.

O conflito xorde en torno ás prazas de auxiliar na Casa da Xuventude e na Policía, que mentres para o BNG son de nova creación, para o goberno local son unha prórroga. Para o PSOE, o comportamento do Bloque neste asunto é obsesivo, posto que “non se pode estar día tras día pedindo en todos os foros os despidos de traballadores”.

Ademais, aproveitan esta polémica para arremeter contra o que consideran unha política “desnortada” do BNG, “que o está a levar a defender actuacións nunha administración e logo rexeitala ou absterse noutras”. Como exemplo poñen as obras de mellora na estrada de Chanteiro, que tivo a abstención nacionalista na Deputación. Tamén denuncian o desinterese que mostran por temas como o mosteiro de Santa Catalina.

Comentarios