O micromecenado: unha alternativa real para financiar proxectos culturais

O micromecenado: unha alternativa real para financiar proxectos culturais
imaxe da páxina, co proxecto de os cempés, un dos primeiros que se levou a cabo desde a plataforma

A solicitude de colaboración económica para que a Fundación Artabria realice un documental dos seus 15 anos de existencia é, ata o de agora, a última iniciativa desde Ferrolterra que está aberta en Verkami, unha “plataforma de crowdfunding para proxectos creativos”. Trátase dunha web na que se poñen en contacto artistas e posibles mecenas, que aportan unha pequena cantidade de cartos (entre os 5 euros e os 5.000) a cambio dalgunha recompensa. Así, coas achegas de moitas persoas xúntanse os cartos precisos para facer discos, intervencións artísticas, libros, curtametraxes, documentais e todo tipo de actividades relacionadas coa cultura. Se se xunta a cantidade requirida, e só se chega a ela no prazo de 40 días, recóllense as doazóns e dánselles ós artistas.

Esta forma de financiación colectiva está a coller forza en España e aplícase a distintos eidos sociais, incluído o empresarial. En Galicia, e no que se refire á cultura, Verkami (fundada en Mataró por Joan, Adriá e Jonás Sala) é unha das plataformas máis socorridas. Proxectos como “Vitaminas para o galego”, destinado a potenciar a presenza do idioma nos medios de comunicación, conseguiron recadar 6.830 euros, cando só pedían 3.300, o que dá idea da utilidade destas webs cando a proposta esperta o interese dos cidadáns.

Aínda que non sempre se consegue o obxectivo, desde Ferrolterra hai importantes exemplos de éxito. Os Cempés acudiron a esta páxina para buscar cartos para editar o seu último disco, “Tentemozo”. Pedían 5.500 euros e conseguíronos en poucos días. De feito, acabaron con case 10.000, o que lles permitiu incrementar a calidade técnica do traballo. Os mecenas recibiron distintos agasallos, incluíndo o disco, quilos de percebes e incluso concertos privados.

Fernando Barroso e Luís Peixoso botaron man de Verkami para sacar o disco “Pop”. Superaron en case 2.000 euros os 3.000 que pedían. O traballo xa está editado e os colaboradores recibírono na casa e, segundo a aportación feita, tamén houbo a posibilidade de contar con eles para unha actuación.

Máis recentemente Carlos Sardiña e Pitusa Arias pediron a colaboración cidadá para publicar a novela gráfica “Bóveda, un alegato pacifista contra a inxustiza”, e tamén acadaron os 4.300 euros que precisaban.

Eduardo Hermida, promotor das Meninas de Canido, tamén está a estudar incluírse nesta plataforma para conseguir financiamento para levar a cabo esta actividade, en setembro.

Na actualidade, en Verkami hai 138 proxectos en curso (na súa historia conseguiron financiar 870). Un deles é o da Fundación Artabria, que quere realizar un documental co que celebrar o seu décimo quinto aniversario. O prazo para conseguir o seu obxectivo remata esta mesma semana. Piden 5.000 euros e quédanlles menos de 600 para conseguir a súa meta e poder realizar a película.

 

O micromecenado: unha alternativa real para financiar proxectos culturais

Te puede interesar