O libro de Álvaro

O libro de Álvaro
Afundación Ferrol Presentación libro Manuel Patinha

Hai personaxes, así Álvaro (sen máis, tal como se nos presenta na fermosa capa deste libro), que pasan pola vida tan caladamente que a novela que agachan na súa biografía tería ficado no cuarto escuro, na derradeira habitación do faiado, de non haber un amigo de corazón que fixera por espertar semellante historia. Ah, mais o Álvaro dera con Manuel Patinha, ese galaico-portugués, fillo adptivo de Narón, que cando fala recorda aos troveiros aqueles das cantigas. E cando esculpe, aos vellos Mestres románicos, a crocazos humildemente potentes coas súas criaturas. E cando pinta, estoume mirando agora no espello que me pintara o Manuel, fai revivir os seus modelos, aínda que sexa en arpilleiras ou tramas surrealistas. Álvaro, en fin, con Divina á súa beira foran quen de acoller ao artista de Povoa de Santa Iria, cando este andaba sen acougo por un bretemoso desterro. E sen saír de Narón o Patinha fora dar na casa de Álvaro&Divina, polo Vilar da Faísca, nunha finca grande onde chantar un “atelier” para un home que non entende a vida, nin esta a el, sen beleza. Que tal é o “leit motiv” de Manuel da Silva Marques Patinha. Con quen tanto temos alternado, nunha chea de sitios, mais –básicamente- nesta casa do Vilar e na súa vivenda actual de Montecoruto. Onde a hospitalidade segue a ser norma, selo ou carimbo. Non obstante o tempo de Álvaro (Divina marchara antes) finara para min no adeus aquel en “Illas Gabeiras”, ese restorán aberto a todas as celebracións. E –antes- nas tardes de tanta Noitevella como foi debuxando as nosas vidas. O tempo de Álvaro, os seus días e traballos, os dun labrego, fillo de solteira (guapísima) e de home casado (todo tan novela da Pardo Bazán, maxistralmente redeseñada aquí por Mariano Durán, coautor do libro por máis que o seu sexa a fila derradeira, para ver sen ser visto, sospeito), da parte de Monfero, foron os  de moita xente dun campo, o galego, non moi afastado daquela do que nos pintara Dona Emilia. Coa cousa que aqueles non emigraban a Suiza. 

E Álvaro, si. Logo, o retorno, e a quinta da Faísca e ese labor filantrópico, case de mecenas, dun home que tiña, se non grandes coñecementos, si unha inmensa intuición. Un intuir que cousa se atopaba baixo da capa escura dun home, o Patinha, quen chegara a Narón logo de traballar nas plataformas do petróleo do Mar do Norte escocés. Quen tivera que coller o fardel e deixar morada e bens, mais non a súa crenza infinita no seu labor, na súa arte, teimosía de onde sae todo. E se Divina (quíxente moito, quérote, amor) e Álvaro foron quen de atraer a Patinha á súa casa/ causa este soubo devolver, “Que Deus te dê em dobro aquilo que me desejas” di o dito portugués, duplicado canto lle oferecera esta parella exemplar. Sendo Álvaro, tan rufo na capa deste libro, (Álvaro (Item-Aga Comunicación), Manuel Patinha), tan pavero,  cunha tartaruga, en canto dun loro, no ombreiro, quen sobrevivira ao dúo facendo equipa impecable co Manuel. 

E dou testemuña de que vin a Manuel Patinha, feito todo un “camponés”, segando, sementando, coidando dos animais. Que este home vale un mundo e non se lle caen os aneis diante do traballo. Nin á hora de celebrar ao amigo íntimo, aquel Álvaro prodixioso recuperado en libro de espléndida feitura, escrito cáseque en maneira epistolar, internet polo medio, dando pé a moi sabedoras reflexions de Mariano, do Manolo. 

Un libro, pois, cheo de humanidade e, mesmo, dun instinto humanista acompañado dunha chea de fotografías que xa non é que enriquezan o libro senón que lle dan entidade propia. E de Mariano Duran, a quen veño de coñecer este verán cheo de dores íntimas mais tamén de gozos, a vidiña, só dicir que Ferrol non deixa de abraiarme. Cada vez  máis. Porque canto máis afondo nel máis atopo xente auténtica, das que non cacarexan, mais laboran tan en silencio, con tanto froito. Consecuencia: Álvaro, ¡Divina!, Patinha, Mariano Durán a conformar un libro con todo o xeito (e o amor) do mundo.

O libro de Álvaro

Te puede interesar