O fin de Lar (CX)

O fin de Lar (CX)
Manoliña Somoza nun acto cívico con algúns nenos da Escola de ensino galego

Finalizaba a entrega anterior dando conta das obras que clandestinamente editara a editorial Lar tal e como lle manifestara o editor Ánxel Casal a Álvaro de las Casas na entrevista que este lle fixera para El Pueblo Gallego no verán de 1934. Foran estas: O Mariscal, de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte, e O Militarismo, da autoría de Bernardino Machado, expresidente da República Portuguesa, cando pasaba na Coruña os seus últimos días de exiliado. Dicía Casal que foran eles os editores porque ninguén se atrevera a imprimilo.
O expresidente -como o seu xenro Aquilino Ribeiro, o notable romancista- tivera que saír para o exilio tras o fracaso do movemento revolucionario, en que ambos estaban implicados, iniciado en febreiro de 1927 co obxectivo de botar abaixo a ditadura militar que seguira ao golpe de 28 de maio de 1926 e restaurar as liberdades. Machado, despois de pasar un par de meses en Vigo, instalouse na Coruña no mes de abril e alí permaneceu ata que o goberno da ditadura primorriverista, a instancias da ditadura portuguesa, determinou a súa expulsión de territorio español e tivo que se establecer en Francia.
El Orzán, do domingo 24 de xullo de 1927, na sección “Viajeros distinguidos”, insertaba a noticia deste xeito:
“En el expreso de ayer salió para París, con motivo de una operación que va a sufrir un hijo suyo, el expresidente de la República de Portugal don Bernardino Machado.
Le acompañan sus hijas.
A despedir al señor Machado bajaron a la estación diversos amigos del eminente repúblico”.
En termos semellantes e na mesma data recollía a nova o diario vigués El Pueblo Gallego, no epígrafe “El doctor Machado”, da súa sección “El Pueblo Gallego en la Coruña / (Por teléfono) / De nuestro enviado especial”: “La Coruña.- Ha salido para París con objeto de atender a un hijo al que se le va a practicar una operación quirúrgica, doctor Bernardino Machado.
Le acompaña una hija. A despedir al ilustre político luso bajaron a la estación numerosos amigos”.
Nesa altura Aquilino Ribeiro e a muller xa se tiñan instalado en París e Bernardino Machado acabaría exiliándose na parte francesa do País Vasco.
Como xa quedou dito, Antón Villar Ponte e Álvaro Cebreiro foran os que actuaron de intermediarios con Lar, segundo contou Ánxel Casal. Cebreiro sería o autor da cuncha que pecha o texto da obra clandestina de Machado, proba evidente da súa publicación en Lar.
Da relación de Cebreiro co político portugués dicir que no coruñés Museo de Belas Artes se conserva unha escelente caricatura.
Pouco despois da impresión do alegato contra os golpes de Estado militares, en agosto de 1927, Leandro Carré e Ánxel Casal poñían fin á sociedade editorial Lar. Carré instalouse na rúa da Franxa conservando o nome Lar, aínda que non tardaría moito en lle botar o peche, e Casal quedou no seu domicilio da rúa Real trocando o nome polo de Nós. Mais iso xa é outra historia. Posiblemente a máis relevante do mundo editorial galego.
Creo que non convén pechar as liñas dedicadas a Lar sen facer mención de que, desde a adquisición de maquinaria propia, a editorial foi a responsable da impresión do boletín A Nosa Terra. Tamén foi quen de volver dar vida á revista Nós, que levaba dous anos parada por falta de medios económicos, consecuencia da “aventura” da Irmandade Nazonalista Galega propiciada por Risco e os seus seguidores. Eran os momentos en que Losada Diéguez e o propio Vicente Risco renunciaban aos seus cargos de deputados provinciais, por Pontevedra e Ourense, para os que foran elixidos a dedo pola ditadura de Primo de Rivera, o que propiciaba que as augas no seo do nacionalismo galego puidesen volver ao seu cauce.
Nesa altura o domicilio de Ánxel Casal, en Real 36-1º, se convertera pouco menos que no centro neurálxico do nacionalismo galego. Alí tiñan as súas sedes a Irmandade da Fala da Coruña, a Escola do Ensino Galego, a redacción e a administración do boletín A Nosa Terra, a editorial Lar e a administración da revista Nós. Desta última empresa foino desde o número 19, aparecido o 25 de xullo de 1925 e non como lle relatara Casal a de las Casas: “En ‘Lar’ editamos también la revista ‘Nós’ a partir del número 18”.
Todo iso logrouse con múltiples problemas. Na entrevista citada, á pregunta “-¿Qué tal os defendíais?”, o editor respondía “-A tumbos. Registros frecuentes de la policía, letras que llegaban como balazos y que no había forma de pagar, la angustia de los libreros que no liquidaban ni a tiros... También editamos «A Nosa Terra» que aún sigue navegando, viento en popa”. Casal tamén lembraba que na emigración americana se vendía pouco, o mesmo que en Cataluña ou Euskadi. Curiosamente, despois de en Santiago, onde máis libros vendían era en África “donde andaban cientos de soldados gallegos”.
Ao tempo que da editorial, Casal termaba da escola que, máis aló da estrita vida de docencia nas aulas, desenvolvía actividades fóra delas. Tal así a participación na procesión cívica que organizaba o Circo de Artesáns ata o cemiterio para facer a homenaxe floral a Curros, Chané e outros ilustres mortos: Pondal, Chané, Adalid, Murguía, Martínez Salazar, Tettamancy. Os rapaces da escola de ensino galego tamén acudían as excursións que a asociación “Amantes del Campo” organizaba a lugares próximos á Coruña.

O fin de Lar (CX)

Te puede interesar