Ferrol actualizará a súa estratexia para avanzar cara á igualdade de xénero cun novo Plan Municipal de Igualdade, o cuarto, que está listo para pasar polo pleno municipal. O texto, que aínda pode ser modificado polos grupos, é o resultado dun proceso participativo que se levou a cabo desde o pasado novembro con catro foros temáticos nos que se reflexionou sobre a situación en dez áreas, incluíndo os efectos da pandemia, e se propuxeron medidas.
Así, o borrador inclúe tres grandes bloques, centrados nos coidados, na inclusión e igualdade e nas violencias machistas e achega 39 obxectivos estratéxicos que se desenvolverán e avaliarán cando o plan estea en vigor. O último, aprobado polo goberno do PP en febreiro de 2015, abranguía ata o 2019.
No edio dos coidados, as accións céntranse na economía feminista, nos coidados corresponsables e no benestar e a saúde. Conclúese que o mercado laboral “ofrece ás mulleres unha situación de maior precariedade e menos oportunidades para o seu desenvolvemento profesional”, que as mulleres sufriron en maior medida a pandemia “ao ocuparse profesionalmente nos sectores máis afectados” e que a área de emprego debe ter un rol activo “na promoción de oportunidades laborais para as mulleres e traballar de forma colaborativa cos axentes locais e outros departamentos municipais”.
Tamén se explicita que as mulleres “dedican maior tempo aos traballaos dos coidados”, o que implica menos lecer e desfrute persoal e que son as que “realizan renuncias persoais e profesionais”, algo que tamén empeorou durante a pandemia, que evidenciou “a falta de corresponsabilidade nas familias”.
Esta precariedade laboral e sobrecarga de traballos “teñen un impacto negativo na saúde e benestar das mulleres”.
A presenza das mulleres na gobernanza, na participación sociopolítica e o acceso á cultura e ao deporte son outros dos aspectos que debulla o IV Plan de Igualdade. Conclúese que se precisa formación especializada para que a administración incorpore a igualdade de xénero e tamén que hai que fomentar e contabilizar a presenza en asociacións, ademais de abrir espazos específicos para feminismo e LGTBIQ+.
Na cultura, precísanse apoios e recursos públicos nun contexto “cheo de barreiras” e “bótase en falta unha programación cultural que se dirixa ao conxunto das mulleres en toda a súa diversidade”. No deporte detéctanse desequilibrios e discriminacións e bótanse en falta ter en conta esta brecha á hora de conceder subvencións e contratacións.
O dereito a vivir nunha cidade “libre de violencias machistas” pasa por estratexias educativas que rompan cos estereotipos, que involucren a toda a comunidade e que teñan continuidade no tempo. Unha resposta integrada de tódolos profesionais e axentes sociais implicados son necesarias tamén para a atención e a prevención, así como continuar co reforzamento do coidado e do apoderamento das mulleres.
Para seguir e avaliar o novo plan crearase un grupo de traballo que se reunirá anualmente.