Jueves 13.12.2018

A nova Xornada de Cultura Popular Galega renderá tributo a Raparigos

Tres serán un ano máis as vertentes da Xornada de Cultura Popular Galega: a expositiva, a formativa e a dos concertos musicais. A cita organizada pola Asociación Folclórica Berros de Castro co apoio do Concello de San Sadurniño

O grupo Raparigos celebra este ano o seu cincuenta aniversario
O grupo Raparigos celebra este ano o seu cincuenta aniversario

Tres serán un ano máis as vertentes da Xornada de Cultura Popular Galega: a expositiva, a formativa e a dos concertos musicais. A cita organizada pola Asociación Folclórica Berros de Castro co apoio do Concello de San Sadurniño celebrará este sábado, na Casa da Cultura do municipio, a súa décima edición, que leva por título “Raparigos no seu tempo”, en homenaxe ao grupo ferrolán que este ano conmemora o seu cincuenta aniversario.

A formación será a protagonista dunha mostra situada na Casa da Cultura que reunirá imaxes, documentos e instrumentos que permitirán ao visitante facer un percorrido por este medio século de traxectoria musical.

Da formación orixinal integrada por Ánxel Muñoz, Xan Rodríguez Silvar, Carlos Vázquez e Francisco Trillo só continúa Silvar, “aínda que tamén cómpre lembrar que nos seus primeiros anos houbo varios cambios con compoñentes procedentes de Xente Nova ou Follas Novas, outros dos grandes nomes da música tradicional da comarca, inspirados á súa vez no pulo que lle deu á gaita Constantino Bellón. Foi o caso do gaiteiro Javier Rodríguez Fariñas, do bombeiro Rafael Victoria e do mestre e artesán Antón Varela, falecido o ano pasado. A última incorporación, xa como cuarteto, foi a do ventista e percusionista Ramón Dopico, que forma parte tamén dos Berros do Castro”, apuntan desde a organización.

A exposición porá de relevancia o papel do grupo como mantedor da esencia dos cuartetos de gaita dos anos 60 “e dun xeito de interpretar a nosa música popular que foi novidoso no seu momento e segue a selo hoxe en día”, engaden.

A mostra permanecerá aberta no recibidor da Casa da Cultura durante a xornada do sábado.

Obradoiro
Na vertente formativa da Xornada encádrase o obradoiro sobre as técnicas da gaita, que será impartido polo mestre Xaquín Xesteira “Xocas”, gaiteiro en Treixadura e tamén n’Os Faíscas de Solobeira.

Para tomar parte na actividade será preciso formalizar a inscrición de forma previa a través do correo [email protected] ou dos teléfonos 669 795 418  e 626 140 798. O prezo é de 15 euros e ofértanse un total de 20 prazas, das que xa quedan poucas por cubrir.

Xaquín Xesteira é, segundo salientan desde a organización, un dos mestres e intérpretes da gaita máis destacados da actualidade. A súa faceta docente vén avalada polo traballo que desenvolve como profesor na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo e tamén polos dous volumes publicados sobre o método da gaita galega.

Aínda que se tratarán contidos moi específicos, non é necesario  ser un virtuoso ou virtuosa do instrumento, aínda que si é recomendable desenvolverse máis ou menos ben co mesmo para sacar o máximo proveito á formación. Esta última proposta desenvolverase das 10.00 a 13.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas.

Comentarios