“A Nova Canción Galega foi unha toma de conciencia do país e a posta en valor da lingua”

“A Nova Canción Galega foi unha toma de conciencia do país e a posta en valor da lingua”
Diario de Ferrol-2015-05-14-004-4dd06061_1

O Casino Mugardés celebra mañá ás 20.30 horas un acto no que o concello local homenaxea a un dos seus fillos máis sobranceiros, o cantautor e músico Xoán Rubia. Un acto variado e singular no que ademais de interpretar algúns dos seus temas coñecidos, Rubia dialogará co crítico Nonito Pereira sobre a súa traxectoria con ráfagas musicais. Haberá intervencións como a de Xavier Alcalá, lectura de textos de Xerardo Moscoso e o profesor Antonio Aguayo e polo escenario pasarán para cantar María Manuela, Mini e Mero e Roger de Flor. O propio Rubia actuará coa guitarra de Daniel Adzemian e incluso estreará unha adaptación ao galego de “Palabras para Julia”, de Luis Goytisolo.

Que está a vivir nestes días desde que lle anunciaron a homenaxe?
Unha enorme ilusión, con comentarios na prensa e nas redes sociais moi agarimosos e xente que te para e ves que te quere. Na miña traxectoria recibín varios premios, pero nada comparable ao cariño do teu propio pobo.

Que ve cando mira para eses 45 anos de traxectoria?
Un camiño moi longo. Primeiro con esa loita romántica que foi a Nova Canción Galega, coa que non inventabamos nada orixinal. Mirabamos a Cataluña, igual que eles o facían a Francia. Iso si, eu creo que abrimos a música como unha correa de transmisión de ideas e pensamentos, de toma de conciencia do país e de posta en valor da nosa lingua e cultura. Un prestixio que aínda hoxe estamos lonxe de acadar.

Como é posible que a comezos dos anos 70 a canción galega fose tan popular cos nº1 de Andrés Dobarro, ou éxitos de Julio Iglesias, María Ostiz ou a galesa Andee Silver, e hoxe sexa imposible ver a alguén cantar en galego nunha televisión española?
Aí as multinacionais apostaron polo que entón se denominaba “canción regional”. Os que estabamos en selos como Edigsa xogabamos noutra liga. Ademais aí estaba Juan Pardo e Andrés Dobarro, que tivo cinco éxitos consecutivos nas listas españolas.

Falando de Dobarro, vostede estivo a piques de gravar os seus temas. Como foi aquilo?
Houbo un proxecto trala morte de Andrés no que participaron Nonito Pereira, Juan Pardo e Xavier Alcalá, para tratar de gravar temas propios que el non rexistrara. A cousa estaba moi adiantada pero a familia negou o permiso e morreu o conto.

Desde sempre vostede botou man de textos de poetas. Como foi esa relación musical súa coa poesía?
Un día pregunteille a José Hierro que pensaba das adaptacións musicais dos poemas, pensando que sería crítico, e díxome que sempre que se fixera con respecto e dignidade a el parecíalle ben. Aí estaba o que Serrat lograra con Machado ou Hernández, popularizar os seus textos e facer unhas cancións fermosísimas. Desde un principio eu musiquei a Curros ou Rosalía e grazas ao meu tío Rubia Barcia, que me regalou os poemas galegos de García Lorca, a quen coñeceu, musiquei a súa obra grazas á irmá do poeta, Isabel, que me deu permiso. Logo, tiven cousas curiosas ao longo dos anos, como o libro que me regalara Alonso Montero dos mellores poemas da literatura galega. Nada máis abrilo lin “Penélope”, de Díaz Castro, ao que eu non coñecía, e me fascinou e o adaptei. Outro dos meus temas emblemáticos, “O can ten frío”, doumo directamente Bouza Brey pedindo que non dixera de quen era a letra... Para min a clave para adaptar un poema é sentir a súa musicalidade, iso é o que me decide a traballar con el.

Que pasou en Nadal de 1973 no Tenis Club de Ferrol?
Que me foi hora! Cambiara a directiva e quería facer algo máis aberto á sociedade. Chamáronme e fun alí cantar os meus temas en galego, incluído o noso himno. Cando acabei un señor con traxe e un whisky quería que cantara o himno español, e cando eu lle dixen que pensaba que non tiña letra, quixo que cantase o “Cara al sol”. Negueime pero lle ofrecín o micro a el. Un tipo enorme sacoume de alí pola porta de atrás, mentres escoitaba berros e un balbordo tremendo. Foi de lonxe a miña peor experiencia, xusto unha semana despois do atentado contra Carrero Blanco, pero eles sabían o tipo de música que eu facía.

O seu maior éxito musical foi “Catro vellos mariñeiros”, un tema popular metido de recheo final nun disco. Que reflexión lle suxire ese feito?
Que a xente non se esforza coa música nin coa cultura en xeral. Xa comentaba Torrente que as melodías reiterativas nos bombardean pero que a xente non asumía igual a beleza de “Aída” que a canción de moda ou o tema fácil. E que conste que lle estou moi agradecido a ese tema.

Como ve a súa carreira na actualidade?
Cando comezas non ves os límites, pero agora xa albisco a pancarta de fin de meta. O que me apetece hoxe é cantar en sitios tranquilos, lonxe de parafernalia, e acompañado da guitarra de Daniel Adzemian. Iso e, por suposto, coidar ao meu neto Dani, que é un ceo.

“A Nova Canción Galega foi unha toma de conciencia do país e a posta en valor da lingua”

Te puede interesar