Lunes 20.05.2019

“Para nós, a gratuidade universal dos libros de texto é o único sistema válido”

A Federación de Anpas de centros públicos de Ferrolterra (Feanpas) desenvolveu onte pola tarde unha concentración na cidade ferrolá para amosar o seu .

Imaxe da concentración desenvolvida onte pola Feanpas diante do Edificio da Xunta	jorge meis
Imaxe da concentración desenvolvida onte pola Feanpas diante do Edificio da Xunta jorge meis

A Federación de Anpas de centros públicos de Ferrolterra (Feanpas) desenvolveu onte pola tarde unha concentración na cidade ferrolá para amosar o seu rexeitamento ao chamado “fondo solidario” de libros de texto e ao sistema de axudas convocado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en función da renda das familias.
Reivindican ademais a volta ao sistema de préstamo universal e gratuito, un modelo implantado polo último goberno do Partido Popular dirixido por Manuel Fraga e continuado polo bipartito PSOE-BNG.
“Para nós este é o único sistema válido”, comentaba onte Javier Sánchez, presidente tanto da Feanpas como da Confederación de Anpas Galegas que aglutina a colectivos de pais de diferentes comarcas galegas. “O préstamo universal e gratuíto é o máis xusto, económico, eficaz, máis solidario e mesmo educativo”, engadiu.

parcial
O modelo actual, opina, é parcial, ao ter en conta as rendas das familias para se beneficiar das axudas, cando do que se está a falar é dun dereito, como o da educación, ao que todas as familias teñen que ter acceso en igualdade de condicións.
Hai varios cursos, a Consellería de Educación decidiu substituir o modelo de préstamo universal pola devandita convocatoria de axudas para a compra dos libros. Agora, a partir do vindeiro curso, e dentro das novidades que implica a Lomce, crearanse bancos de libros de textos nos propios centros educativos.
“É un despropósito. Non saben nin sequera de que libros van dispór” no denominado “fondo solidario” e que o vindeiro curso estará destinado ao alumnado matriculado en 3º e 5º de Educación Primaria e en 2º e 3º da ESO, en consonancia co calendario de implantación da nova lei educativa. De feito, na propia orde da Consellería indícase que “o centro asignará o uso dos libros de texto dispoñibles por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar”. Os bancos estarán integrados polos manuais e material reutilizable adquirido coas axudas do curso 2014/2015 que os beneficiarios están obrigados a devolver.
“Non podemos estar dacordo con este sistema, xa que non garante que todo o alumnado poida beneficiarse do mesmo”, manifestou o presidente da Feanpas.
Na orde da Consellería de Educación na que se regula esta nova modalidade anúnciase ademais a posta en marcha dunha aplicación informática para facilitar aos centros docentes a xestión deste “fondo solidario” de libros de texto así como a posibilidade da colaboración das propias Anpas neste labor.
Neste sentido, desde a Federación de Anpas consideran que esta xestión ten que ser asumida integramente pola propia Consellería de Educación, “cos seus propios medios administrativos, sen implicar nin ás Anpas, nin ao persoal docente”.
Nesta liña, fan un chamamento ás asociacións de nais e pais de alumnos para que durante o vindeiro curso non xestionen os bancos de libros que nos últimos anos, e como medida paliativa ante a supresión do sistema de préstamo universal e gratuíto, puxeronse en marcha nalgúns colexios e institutos.

confederación
Ao igual que en Ferrol, tamén se fixeron concentracións en Cangas, Carballo, Cee, Lugo, Ponteareas, Santiago, Vigo, Vilalba e Redondela, promovidas polas respectivas federacións. Todas forman parte da Confederación Galega de Anpas. O colectivo ten concertada para este venres unha reunión coa Consellería de Educación, á que achegarán á súa postura en contra do modelo actual para os libros de texto.

Comentarios