martes 29/9/20

“Necesitamos un goberno valente e contestatario e non de apariencias para mellorar á cidade”

IVÁN RIVAS - VOCEIRO DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO NO CONCELLO DE FERROL

O BNG recoñece que apoiará os orzamentos se son “minimamente mellores que os do Partido Popular”

 

O cabeza de lista do BNG e actual voceiro no Concello, Iván Rivas, durante a entrevista daniel alexandre
O cabeza de lista do BNG e actual voceiro no Concello, Iván Rivas, durante a entrevista daniel alexandre

Hai oito meses apoiouse a investidura do actual alcalde. Pasado este tempo faríase o mesmo ou mudou algo?
Nós daquela apoiamos ó goberno actual e agora tamén o fariamos, porque os catro anos anteriores foron dramáticos para esta cidade, provocaron unha sensación de claustrofobia na sociedade ferrolá e foi un goberno de maioría absoluta que actuaba como testaferro das directrices do partido en Madrid. Levou a cabo unha política agresiva para os intereses dos veciños e isto había que mudalo fose como fose, e a quen lle tocaba lexitimamente, derivado dos resultados electoriais, era ó actual goberno.

O alcalde dicía nunha entrevista que o máis difícil non era entenderse co seu socio de goberno nin coa oposición en xeral, senón co BNG. Parécelle que é así?
Non. Temos apoiado ó goberno en moitas ocasións, moitas mesmo sen compartir os obxectivos das súas propostas. 
Aprobamos unhas ordenanzas fiscais para 2016 que cuestionabamos en moitos aspectos (consolidar incrementos desenvolvidos polo PP, que se mantivera o tipo de IBI xenérico ou que o IAE seguira nas mesmas condicións). Pero supoñía pequenas modificacións que consideramos que era mellor apoialas. Tamén o fixemos co plan Urban, cunha proposta que aínda agora seguimos sen coñecer, etc. Penso que o apoio témolo feito en diversas ocasións, pero parece que o BNG, con dous concelleiros, é o gran problema da cidade. Para o goberno somos excesivamente duros con eles, e para o PP somos cómplices das decisións que se toman. Está claro que alguén minte, non poden pasar as dúas cousas ó mesmo tempo.

Nestes meses non aprecian diferencias entre este e o anterior goberno?
O PP acusa ó goberno de cuestións nimias como a non convocatoria de comisións ou os prazos nas contratacións. Fálase de bustos, de fumar na bañeira, etc. pero o certo é que tanto uns coma outros xogan un papel de que parece que hai enfrentamentos encarnizados pero, en realidade, nas cuestións prácticas e reais están dacordo. Non só nos problemas estruturais que ten a cidade, senón  nos más cotiás. Así, o PERI de Ferrol Vello que aprobou o goberno actual é o que desenvolveu o Partido Popular e que se calificara antes de “especulativo”; o convenio co Consorcio para a xestión do servizo de bombeiros é o mesmo que o do PP;  igual co suministro eléctrico, que hipoteca ó Concello para 15 anos; a xestión dun aparcadoiro como o da praza de Armas por unha empresa sen que haxa contraprestación segue a mesma dinámica que tiña co PP; a ordenanza de terrazas, o convenio con Defensa ou con Acuaes, todo é o mesmo. É dicir, en cuestións prácticas as discrepancias son mínimas.

Algún cambio haberá?
Formalmente houbo cambios. Permítese o acceso libre ós plenos, presentar mocións por parte dos grupos políticos sen limitacións de tempo, pero estas cuestións aprobáronse por iniciativas do BNG. Agradecémolo, pero os problemas fundamentais séguense a tratar do mesmo modo.

E a oposición que se fai dende o BNG co bipartito FeC-PSOE é a mesma que co goberno do PP?
Os problemas non son sinxelos e se centran en catro cuestións nas que o actual goberno e o anterior manteñen a mesma tendencia. O BNG o que está a facer é o que facía. Os problemas non están derivados de ser máis progres ou máis conservadores, non teñen que ver co público ou o privado.Navantia, Defensa, as infraestruturas ferroviarias ou o saneamento son todas cuestións públicas e a actitude do actual goberno é compartida co anterior, porque o asume, a pesar de que teñen problemas de conciencia. No sector naval son cómplices de que os estaleiros non se desenvolvan no sector civil; en saneamento, de que se pague por unha infraestrutura que nos demás sitios non abonan os veciños; de que no convenio de Defensa haxa que comprar propiedades... Nós apoiamos cousas beneficiosas para a cidade, pero pedimos un cambio de actitude do goberno.

Nese beneficio para a cidade, inclúese o apoio do BNG ós orzamentos ou hai cuestións que poderían facelo inviable?
Se os orzamentos son minimamente mellores que os do Partido Popular facilitaremos que iso poida saír adiante. Intentamos colaborar para que a cidade poida progresar. Agora, cuestións como que se asuma pagar unha taxa de saneamento ou non se cobre o IBI de propiedades como o Sánchez Aguilera, etc., non o imos asumir, pero non sei se ten que ver directamente cos orzamentos.

Que é o que máis bota en falta deste executivo?
Necesitamos un goberno valente e contestatario e que cuestione as normas para poder mudar as cuestións que son fundamentais. É preciso romper estas inercias e parece que este goberno as asume da mesma maneira que o facía o anterior. É un goberno de rituais e baseado nas aparencias, que demostra contradiccións. É aparencial e sen planificación para resolver problemas. O que fai é esquecelos ou pasar por riba, sen profundizar e iso é preciso corrixilo.

Pensa que elude entón as súas responsabilidades?
Para resolver problemas pódese ter unha posición ou outra, pero o lóxico sería ter obxectivos e ser coherentes con eles e desenvolvelos no tempo que tes, neste caso catro anos. Neste caso non parece haber previsións nas decisións de competencia municipal –plan de ordenación do Sánchez Aguilera, transporte público, peonalización, etc.–. Nestes sete meses o que vemos é que o goberno non se vai saír dos límites institucionais. A actitude non vai mudar de repente, pero parece que neste tempo xa da por mortos moitos temas.

Como inflúen as relacións de “rivalidade” do BNG e a Marea a nivel autonómico no que pasa no Concello?
Non creo que sexa un problema de rivalidade. Os problemas teñen máis que ver con cuestións concretas máis que con abstraccións ideolóxicas. As diferenzas que nós temos son específicas. Moitas xa aparecían reflectidas no acordo do goberno entre os dous socios actuais e esas razóns foron as que impediron que o BNG entrara a formar parte do goberno. A práctica cotiá evidenciou que en moitas outras tampouco podemos estar dacordo.

E a cohesión ou falta dela dos dous partidos que gobernan...?
Non nos interesan os problemas internos que poidan ter. Para nós só pode existir un goberno. Se a realidade é que non hai diferencias de carácter político-programático e se os problemas son só polo carácter persoal de quen forma o goberno, ninguén comprendería que ese goberno non se mantivera cohesionado. Iso é unha obriga dos dous grupos, manterse unidos se as diferencias que teñen non son políticas. Ninguén comprendería outra cousa.

Esa distancia dos nacionalistas co executivo, beneficia ó BNG á hora de recabar votos?
Nós consideramos que a nosa posición respecto a algunhas cuestións é diferente á do goberno actual. Sería incoherente formar parte desta coalición. Iso non impide favorecer que se desenvolvan iniciativas ou propostas que consideramos que poidan ter interese e ser beneficiosas. Pero ese marco xeral impide outro tipo de colaboración, mais aínda cando en moitos aspectos estase a facer política baseada só nas aparencias.

Comentarios