NCG oferta talleres sobre a Pascua ós máis pequenos

Novacaixagalicia (NCG) volve ofrecer actividades para os nenos coincidindo co período vacacional. En tódolos seus centros socioculturais desenvolveranse dous obradoiros que teñen como protagonista á Pascua, o seu significado e as distintas tradicións que hai en todo o mundo en torno a esta data. Serán os días 25 e 26 de marzo. No caso da sede ferrolá (na praza da Constitución), os talleres realizaranse en horario de mañá e tarde, debido á demanda. Para participar é preciso inscribirse previamente no propio centro ou no teléfono 981 330 280. Os talleres custan 3 euros cada un ou 4,50 se se asiste ós dous. Diríxense a rapaces de entre catro e doce anos.
O primeiro dos talleres, “De coellos de Pascua e outras historias”, “parte da esencia de que en todo o mundo existen diferentes tradicións de Pascua e en consonancia coa máis antiga delas confecciónase un conto que os pequenos poderán ilustrar cunha mistura de diferentes técnicas”, explican desde a obra social de NCG.
O segundo, “Unhas Pascuas moi artísticas”, ofrece un percorrido polas exposicións abertas en cada centro e tamén polo propio edificio en si. Os nenos deberán seguir un xogo de pistas para poder atopar os ovos de Pascua agochados en diferentes rincóns. Despois prepararán unha cesta de cartulina con ovos decorados no seu interior.
O obxectivo destas actividades é o de dar a coñecer as tradicións e a historia. Así, en Grecia e Roma festexaban a chegada da primavera comendo ovos ó aire libre mentres que noutros lugares a lenda sitúa a un coello levando cestas de doces e ovos de cores ós nenos. Tamén se busca cos obradoiros potenciar as artes plásticas e, á vez, ofrecer un tempo de ocio didáctico que permita tamén compatibilizar as vacacións escolares co traballo dos proxenitores.

NCG oferta talleres sobre a Pascua ós máis pequenos

Te puede interesar