jueves 3/12/20

A naronesa Natalia Porca estrea a primeira webserie interactiva en galego

“Amnesia 3.0”. Este é o título da webserie premiada o pasado ano no Carballo Interplay e que mañá será estreada nunha nova edición deste festival de contidos dixitais. Natalia Porca, natural de Narón, estivo á fronte da produción deste pioneiro proxecto
Natalia Porca, á esquerda, embarcouse neste proxecto con Irene Pin e Iria Iglesias
Natalia Porca, á esquerda, embarcouse neste proxecto con Irene Pin e Iria Iglesias

Varios ingredientes ten a webserie “Amnesia 3.0” que a fan singular: é interactiva, en galego e de ciencia ficción. Gañadora o pasado ano do Premio á produción de proxecto do festival de contidos dixitais Carballo Interplay, será estreada mañá, xoves, ás 22.00 horas. A actual situación sanitaria obriga a facelo a través da rede, cun coloquio posterior das creadoras: Irene Pin (directora), Iria Iglesias e Natalia Porca (Narón, 1995), esta última á fronte das tarefas de produción.

As tres coñecéronse na facultade compostelá na que estudaron Comunicación Audiovisual, etapa na que xa comezaron a idear os seus primeros proxectos. Ao rematar, cada unha emprendeu o seu camiño ata que, en 2019, volveron coincidir. E volveron tamén as ganas de seguir argallando xuntas.

A idea que Irene tiña na cabeza semellaba encaixar na convocatoria do Carballo Interplay. Presentárono e gañaron un premio dotado con 1.500 euros, destinado ao desenvolvemento da súa webserie, gravada o pasado verán.

A pandemia da Covid-19 obrigou a retrasar a súa estrea, pero mañá, as tres creadoras poderán coñecer as reaccións dos primeiros espectadores. “Eu creo que a xente vai quedar un pouco sorprendida do que se pode facer con ganas e con pouco orzamento, e con talento”, di Natalia.

Explica ademais que na sesión de mañá, ao ser a través da rede, proxectarase no formato lineal, ao ser moi complicada a interacción. “A idea é que máis adiante poidamos poñela nunha plataforma online e que o espectador poida escoller diferentes puntos de vista dos tres protagonistas”.

Continuidade

Aínda que polo de agora non teñen nada definitivamente decidido, recoñece que “nos gustaría moito poder continuar con este proxecto”, ampliando a historia con novos capítulos.

Unha historia que leva á pantalla un mundo no que ninguén lembra o día anterior, no que un “software” implantado no cerebro humano borra a memoria a curto prazo cada noite, como lle pasa a un dos protagonista, 265-C, pero no que tamén entrarán en escena Fiz e Lía, os excluídos, habitantes das Estremas, nómades ancoradas á tradición que foxen dese control e atesouran os vestixios dun pasado sepultado e que entrarán na vida de 265-C para tratar de reverterlle o seu bloqueo e facerlle recordar.

“Amnesia 3.0” abandona ademais os límites do relato convencional. Partindo de tres puntos de vista diferentes, o público pode seguir a historia desde un ou outro roteiro. Protagonizada por Daniel Celester, Sara Ferro, Vanessa Dorrei, Monti Castiñeiras e Duarte Galbán, conta tamén coa participación especial de Isabel Naveira e Sabela Arán.

Unha aposta interactiva que nace da teima das creadoras por atreverse a romper os límites impostos e que ven, como di Natalia, no momento actual “un momento idóneo para seguir explorando novas posibilidades”.

Comentarios