Narón contará proximamente cunha tarta propia despois do acordo con Santiago Otero

Narón contará proximamente cunha tarta propia despois do acordo con Santiago Otero
Un instante da rúbrica no consistorio naronés I Jorge Meis

A alcaldesa naronesa, Marián Ferreiro, e o reposteiro local e propietario da pastelería Santy (Santa Icía), Santiago Otero, asinaron onte a cesión gratuíta e en exclusiva da receita orixinal proposta polo profesional para elaborar a Tarta de Narón. “O de hoxe é un acto moi especial para nós e quero agradecer en primeiro lugar a xenerosidade de Santi Otero e a súa familia por esta cesión, porque é un dobre orgullo que esta receita sexa dun obrador da nosa cidade”, indicou Ferreiro, ao tempo que incidiu na importancia desta elaboración a nivel gastronómico e como reclamo turístico. A previsión é que poda ser comercializada xa neste verán.

 

O executivo local iniciara este proceso para contar cun produto representativo da localidade no 2021, cando se rexistrou o distintivo na Oficina Española de Patentes e Marcas –cunha validez de dez anos–. En marzo deste ano o reposteiro presentou por Rexistro unha instancia ofrecendo unha cesión a modo gratuíto e en exclusiva dunha receita orixinal para preparar unha tarta que non se comercialice na actualidade e os seus dereitos de explotación a favor do Concello de Narón. Posteriormente nomeouse un comité de valoración para determinar se a elaboración cumpría os estándares establecidos. A empresaria gastronómica Lucía Freitas e o profesor técnico de Formación Profesional de Cociña e Pastelería Manuel Cordido emitiron unha valoración positiva da receita presentada por Santiago Otero.


 

Noces

“É gustosa, cunha textura agradable onde resalta o sabor das noces como ingrediente principal e de fácil réplica para os diferentes obradoiros interesados na súa elaboración e comercialmente viable no seu prezo final. Polas súas características de durabilidade e que non precisa refrixeración pode considerarse doce de viaxe”, indicou o comité, sostendo que a receita cumpre os obxectivos e confirma a idoneidade da proposta presentada por Santiago Otero para considerar a tarta como “representativa do Concello de Narón”.

 

Pola súa banda, o reposteiro recordou que non chegaron a tempo á convocatoria realizada no ano 2021 pero a súa muller –presente tamén xunto á súa filla na rúbrica de onte– continuou traballando na receita e “cando creímos que cumpría todos os requisitos propuxemos a cesión da receita ao Concello”. 

Resaltou, tamén, que o ingrediente principal é a noz e que pode ter “un amplo abano de comensais ao utilizar ingredientes sen glute nen lácteos”.

Narón contará proximamente cunha tarta propia despois do acordo con Santiago Otero

Te puede interesar