Música, poesía e outras moitas citas para celebrar as Letras Galegas

Música, poesía e outras moitas citas para celebrar as Letras Galegas
Odeón celebrou onte, coa colaboración do Concello, a festa das Letras | d.a.

A comarca de Ferrolterra entrégase hoxe á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao historiador e xeógrafo Antonio Fraguas, con propostas en diferentes municipios, aos que se anima á cidadanía a participar.

Ferrol
En Ferrol, este ano tócalle á parroquia de Valón, a través da súa entidade veciñal, a organización dun acto que se desenvolverá en xornada de mañá e tarde. Ás 11.30 horas haberá un contacontos ilustrado de Antonio Fraguas con música, ao que seguirá, ás 12.30 horas, o espectáculo infantil “As parábolas de Pakolas”.

A actividade retomarase ás 17.15 horas coa actuación da Coral Polifónica Armonía, para continuar, ás 18.00 horas, coa actuación do grupo Encrucillada e ás 19.00 horas do Real Coro Toxos e Froles. Cristina Mariño encargarase da presentación e dinamización do acto.

Narón
O Concello naronés deseñou para esta xornada o programa “N de Narón. A festa das Letras”, que debido ás previsións de mal tempo decidiuse trasladar ao Pazo da Cultura. Alí comezará a programación ás 12.00 horas cun espectáculo de maxia a cargo do ilusionista Martín Camiña.


Ás 13.00 horas será a quenda para os Fantoches Baj, que poñerán en escena o espectáculo “Os romeiros do caracol”, sobre un estudo das romarías de Antonio Fraguas. Pola tarde, ás 17.30 horas, terá lugar o espectáculo “Nono”, da compañía Pistacatro. Marionetas, malabares e paiasos forman parte da proposta. O grupo María Fumaça poñerá a nota musical ás 18.30 horas co espectáculo “As que máis molan”.


Ademais, as persoas que hoxe se acheguen ao Pazo da Cultura terán oportunidade, durante todo o día –de 12 a 14 e de 17 a 19.30 horas– de participar nas propostas ofertadas desde Garabato de Xogo, Espaco percubebé, a Alfombra Máxica e mesmo un espazo de Xogo libre. Co gallo da celebración, haberá tamén un stand propio da Biblioteca Municipal e das librarías Day e Galicia, no que se poderá ver as últimas novidades de publicacións en galego e obras do autor homenaxeado.


Neda
As previsións de mal tempo obrigaron tamén ao Concello de Neda a modificar o escenario de celebración da festa das Letras Galegas, que finalmente terá lugar ás 19.00 horas na Casa da Cultura.


A compañía Queiman e Pousa ofrecerá alí o seu espectáculo “Un verso, un cantar”, que nace como resultado do compromiso e amor pola cultura galega do devandito grupo, que fai unha fusión poética e musical de poemas de artistas tan recoñecidos como Pondal, Pascual Veiga ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros.

Ortigueira
Música e poesía serán os ingredientes principais da celebración do Día das Letras Galegas de Ortigueira.


Ás 12.00 horas, na Praza de Isabel II, comezarán os actos coa actuación da asociación cultural Gamelas e Anduriñas e a charanga New Belters. Tamén haberá un recital poético. A asociación Galioart encárgase da organización do evento, que incluirá ademais os premios do certame de poesía.


San Sadurniño
As Letras Galegas en San Sadurniño vivirán o seu acto central no patio interior do Concello, a partir das 11.00 horas, coa obra “Antón Fraguas no bosque da Moura” e a actuación do grupo folc Encrucillada –se chove, a actividade trasladarase á Casa da Cultura–.
A partir das 18.00, a AVV O Castelo de Narahío acollerá o seu Encontro de Cantares Tradicionais, no que se aproveita a data para afondar na figura do autor homenaxeada neste 2019.


Cedeira
O programa cedeirés contempla para hoxe o acto institucional das Letras Galegas que, a partir das 12.30 horas, encherá a rúa da Fonte de música e poesía. Sse chove, a actividade trasladarase ao salón de plenos do Concello.

Ares
O Casino Aresán será hoxe o epicentro da celebración das Letras Galegas cun programa que dará comezo ás 18.00 horas e incluirá as actuacións de Areas do Mar, Xábrega, Grupo de Gaitas Aresán, Trouleada e Rondalla. Presenta Teresa Muíños.

Nestes últimos días xa se estiveron a celebrar nalgúns lugares actividades con motivo da festa. Onte, por exemplo, en Odeón –coa colaboración do Concello naronés– tivo lugar unha sesión con exhibición de torneiros de “Virutas”, actuacións musicais e de baile e unha degustación de produtos galegos entre o público asistente.

Música, poesía e outras moitas citas para celebrar as Letras Galegas

Te puede interesar