Lunes 17.12.2018

Música coral e textos de María Victoria Moreno nas Letras Galegas do Concello ferrolán

A AVV Santa Icía é a encargada de acoller este ano a conmemoración

A celebración das Letras Galegas na zona rural de Ferrol, que se vai desenvolvendo cada ano de forma rotativa polas diferentes entidades, terá esta tarde como escenario o local social da AVV de Santa Icía (rúa Calvario, s/n). Alí se sucederán, desde as 17.30 horas, as diferentes propostas deseñadas desde a Concellería de Participación e Normalización Lingüística para render homenaxe á autora María Victoria Moreno Márquez, natural de Cáceres pero pontevedresa de adopción, asumindo xa desde a súa chegada a Galicia con 22 anos a cidadanía de adopción e a lingua galega para as súas obras.
Coa lectura da biografía e textos da escritora abrirase un acto que continuará coas actuacións musicais das corais “Alecrín” de Brión e “Santa Uxía” de Mandiá. De pechar a sesión encargaranse Alberte e Xoán, que musicarán poemas de autores galegos.
Presentación
A presentación e dinamización do encontro desta tarde, aberto a todas as persoas interesadas, será asumido polas “Izquierdo Sisters”. O concelleiro ferrolán Álvaro Montes e Manuel Sendón en representación dos veciños da zona rural, presentaron o programa.
Este céntrase, para o edil, “na figura de María Victoria Moreno pero tamén en todos os autores galegos como homenaxe á nosa literatura”.

Comentarios