O monte Fontelo e a súa fraga son tesouros esquecidos de Ferrol

O monte Fontelo e a súa fraga son tesouros esquecidos de Ferrol
Petróglifo chamado “Pena das coviñas”, situado no Monte Fontelo, cuxo significado adoita atribuirse á astronomía | CEDIDA

É moi posible que o nome deste lugar non resulte familiar, a pesar da consideración de coñecer ben o concello. Hai quen o adoita chamar Monte do Estado, debido a que a titularidade é da Base Naval da Graña. Esta confusión vén de lonxe, así o reflicte unha das etapas da investigación de Álvaro Alfaro, proximamente paisaxista tras a entrega do seu proxecto de investigación sobre este lugar, que ten como obxectivo a transmisión do mesmo á comunidade. Por este motivo, divulgouno a través dunha charla na AVV de Valón, no marco dunha xornada de xuntanza veciñal.


A parte do estudo que xustifica o desconcerto sobre o nome do lugar foi o proceso de participación pública que realizou Álvaro Alfaro co obxectivo de reconstruír a historia do monte. No procedemento interviñeron habitantes de Brión e A Graña, dos que se recolleron 100 topónimos que aluden ao sitio.


Na montaña quedan 17 hectáreas de fraga, dentro das case sesenta que posúe a Armada, que constitúen o bosque atlántico autóctono, no resto imperan os eucaliptos. “Unha representación relicta [supervivente dun pasado máis diverso] no contexto forestal da paisaxe ferrolá”, segundo afirma Alfaro. Conforme ao seu estudo, o monte posúe tres tipos de hábitats catalogables como de interese comunitario que non se reflicten na legalidade. O estudoso realizou diversas saídas de campo onde, entre outras achegas, catalogou 40 especies nunha área de 5.000 metros cadrados.


O Fontelo pertence ás parroquias de Brión e A Graña. A orixe deste primeiro topónimo procede da raíz “briga”, cuxa xénese remóntase á ocupación celta cun significado referente a un asentamento poboacional. O nome do lugar recorda a antigüidade do que hoxe é un núcleo que podería estar por riba de restos galaicos. Ademais disto, o monte alberga unha das dúas únicas representacións que se coñecen da arte rupestre no concello, situada a escasos tres metros do marco de separación da propiedade da Armada e nunha situación de abandono, sen sinalización ningunha que valorice a peza. Trátase dun petróglifo denominado “Pena das coviñas” en referencia á técnica utilizada, que consiste na talla dun conxunto de ocos. O seu significado aínda é confuso para os investigadores, a pesar de que o máis aceptado é o que o vincula coa astronomía. Na parte alta do monte, denominada A Cheira, atópanse máis mostras do valor histórico que ten o monte, como son as mámoas.


Historia


A primeira constancia escrita que se ten do monte data do século XVI, cando se recolle a existencia de foros do Casal de Martín. A súa delimitación abrangue o Fontelo, que era dominio do mosteiro de San Martiño de Xuvia e o podían usar os veciños da zona..


A toponimia da zona xustifica a pertinencia de conservar un patrimonio natural que se retrotrae ás orixes do propio lugar. Os soutos de Brión son históricos, entre outras cousas, porque lle deron nome ao núcleo de poboación máis próximo ao monte: O Souto, por definición, un terreo poboado por castiñeiros. Outro nome de lugar que evoca o pasado é Os Abelleiros, que lembra os usos apícolas que se lle puideron dar ao territorio.


Foi na década de 1920, durante a ditadura de Primo de Rivera, que se expropiarion as 57 hectáreas de monte. Algúns dos veciños máis lonxevos lembran, incluso, que os seus familiares non recibiran as rendas acordadas como indemnización, debido a certas irregularidades nos documentos das parcelas.


Mais unha das cuestións centrais sobre o caso do monte Fontelo é para que quería a Armada este sitio. En primeiro lugar, quizais o máis visible dos motivos, era o de posuír o control e as capacidades defensivas que a localización do monte proporciona. Outra razón de utilidade da zona era a obtención de auga de mananciais. De feito, o rego denominado Reverbero usouse durante varias décadas para obter auga coa fin de axudar aos barcos que fondeaban na ría.


Naquela época, a propia base naval requiría fontes de madeira para facer funcionar os seus fornos e caldeiras, materia prima que extraerían do Fontelo. Ademais, serviulles para instalar polvoreiras onde almacenar esta substancia explosiva, de xeito que se atopase próxima aínda que illada da base naval. Para ter control dos tres almacéns de pólvora que se construíron podían traballar até doce soldados como vixías. Segundo Álvaro Alfaro, este foi o comezo de certa tensión social debido a algunhas sancións a civís por coller estrume, castañas ou piñas sen permiso.


A maiores das motivacións anteriores, coa expropiación, o monte Fontelo foi relevado nos usos tradicionais que se lle daban. Por aquel tempo, a maioría da xente cultivaba hortas para consumo familiar, e algúns dos militares comezaron a facelo nos socalcos que antes traballaban os veciños. “Tras a expropiación, a Mariña conserva os usos tradicionais do monte: teñen hortas, vacas das suízas e incluso un burro que lle chamaban O Tito”, explica José Oreona, presidente da Asociación de Veciños de Brión, nunha das entrevistas que filmou o investigador Álvaro Alfaro.

 

 

Situación actual


Co obxectivo de consolidar a fraga, o proxecto fillo da asociación Verdegaia denominado Brigadas Deseucaliptizadoras tivo dúas actuacións no Fontelo, xunto con outras asociacións como Betula, Xeración ou as AAVV de San Felipe e Brión. A actividade consistiu maioritariamente en arrincar os eucaliptos que lindan coa extensión de bosque atlántico. Mais, como afirma o coordinador desta iniciativa, Fernando Marcelín, dúas intervencións non son suficientes porque “a rexeneración dunha zona na que se quere erradicar o eucalipto é un traballo a medio ou longo prazo, precísase continuidade a través de tarefas de mantemento”. Así mesmo, valorou a resposta dos voluntarios que participaron, entre os que distinguiu aos membros da Armada como agradecemento á colaboración deste corpo coa causa do monte. Aínda así, Marcelín expresa o interesante que sería atopar unha fórmula para chegar a un acordo coa Armada, máis aló dos permisos para as deseucaliptizacións puntuais, que permitise axilizar futuras operacións e as labores de mantemento precisas. 

O monte Fontelo e a súa fraga son tesouros esquecidos de Ferrol

Te puede interesar