Mauro Trastoy | “Encantaríame poder levar a miña obra artística a Ferrol”

Mauro Trastoy | “Encantaríame poder levar a miña obra artística a Ferrol”
mauro_trastoy_11134287

Que “o seu” era a arte foi unha das “poucas cousas” que Mauro Trastoy (Ferrol, 1971) tivo claras desde pequeno. “Non deixaba de ser unha forma de buscar sentido ás cousas; entón, se non te podes agarrar a nada, ao final pódeste  agarrar a iso, e para min é unha estratexia case de vida, no sentido de que non podería deixar de facelo”, di.

O seu nome, un dos máis recoñecidos da arte contemporánea galega, vén de sumarse á lista de gañadores do certame Isaac Díaz Pardo de artes plásticas da Deputación da Coruña, que este ano chegou a súa décimosexta edición.

O pasado martes, o xurado elixiu a súa obra “7” como a mellor das vinte finalistas seleccionadas do total de presentadas á convocatoria. O traballo, conta o autor, “enmárcase nunha exposición que ata o día 22 deste mes estará na galería Marisa Marimón de Ourense. Acompaña un pouco a esa exposición, aínda que non forme parte da mesma. Está feita con materiais cos que estou traballando desde hai xa ano e medio, máis ou menos, e que ten que ver coa trama e a urda: bordado, punto de cruz, tear, etc. E esta é unha obra máis dentro desta liña”.

Experimentación
O contacto e a experimentación cos propios materiais centra precisamente nos últimos tempos o seu ámbito de traballo. 

“Desde 2007 empecei a traballar nunha liña atendendo sobre todo aos materiais; comecei con papeis, facendo debuxos, recortando, e a partir de aí empezou a crearse como unha forma de traballar no fondo moi sinxela; abordo sempre os materiais, relaciónome con eles con pequenos xestos, que son como pequenas accións, como atar, cortar, anodar, pequenas cousas, e a partir de aí, repetindo ese xesto moitas veces, en contacto sempre co material, é cando van aparecendo as obras. Tamén é moi interesante, cando afronto material novo, xa que o propio material empeza a mandar, a pedir cousas, e partir de aí se empezan a descubrir mundos que non coñecía”, salienta o artista.

Así, da cinta de carroceiro (de pintor) xurdiron esculturas e con arame branco plastificado elaborou tramas. Estes dous materiais atoparíanse no taller do artista para fundirse nun proxecto común ao que tamén dotou de luz, obtendo como resultado as súas características lámpadas ou “obxectos lumínicos”.

“Pouco a pouco ían aparecendo materiais e íame metendo en técnicas artesanais, como cestería, orfebrería, cerámica... Unha vez que inicio un proceso novo, o primeiro é coñecelo minimamente e a partir de aí o que fago é intentar levalo ao meu terreo. Neste caso a trama e a urda resumía un montón de cousas e era moito máis factible de facer polas propias condicións do material, xa que podes anodar, debuxar, podes facer moitas cousas”.

Repetición
Traballos que crea a través dun proceso baseado, fundamentalmente, na repetición. Como na obra coa que gañou o Isaac Díaz Pardo de artes plásticas. “É un lenzo sobre arpilleira e son pequenos puntos; hai punto de cruz, pero fágoo tan pequeno que xa non se ve a cruz, vese un punto. Chega un momento en que toda a superficie é unha trama cuadriculada de puntos. Como é lá branca sobre arpilleira branca, é como un xogo pictórico”, explica.

Xogar co formato é unha das pretensións do ferrolán. “En realidade son pezas que están formuladas desde un punto de vista pictórico; que un pequeno trapo poidas velo como unha pintura, ou cun punto escultórico”, apunta. Para o xurado do premio, a obra gañadora “consigue renovar a tradición da pintura reivindicando ao mesmo tempo as nosas tradicións artesanais”.

Moi agradecido por esta distinción, asegura que lle “encantaría” expoñer a súa obra en Ferrol, cidade natal que hai vinte anos abandonou para fixar en Compostela o seu lugar de residencia. 

Alí ten o seu taller, un laboratorio de creación no que os materiais cobran vida da man da inspiración do artista ferrolán.

Mauro Trastoy | “Encantaríame poder levar a miña obra artística a Ferrol”

Te puede interesar