María Saco | “Tiña a necesidade de separarme da miña obra por un tempo”

María Saco | “Tiña a necesidade de separarme da miña obra por un tempo”
A artista María Saco, no seu estudio

María Saco Godoy inaugura mañá ás 20.00 horas “Exposición de Pintura” na cafetería Dover.

Como xurdiu a idea de facer de esta exposición?
Paréceme unha maneira bonita de pasar páxina. Tiña a necesidade de separarme da miña obra por un tempo, deixar espazo no taller para cousas novas. A maioría das obras da exposición realiceinas durante os dous últimos anos nos meus estudos de Belas Artes.–só unha delas data deste ano–, polo que o conxunto mostra tanto a miña evolución e aprendizaxe na pintura como a fin dunha etapa.

Como valora a súa experiencia artística en Belas Artes?
Estudei na Facultade de Pontevedra, que ten nu enfoque moi contemporáneo da arte. A ensinanza alí é multidisciplinar, polo que os primeiros anos botei en falta unha formación máis profunda na pintura. O ano que pasei na Universitat de Barcelona aportoume máis neste aspecto, pois alí acudín ás clases de Ramón Trías que me axudou no que para min é máis importante na pintura: aprender a mirar, poñendo a atención nas formas máis sutís dos corpos e das cousas. Porén, creo que estas obras son resultado da mistura de aprendizaxes en ambas facultades, sendo a primeira máis conceptual e a segunda máis formal.

Que opinión ten de artistas como Jeff Koons e da venda millonaria de arte? É arte?
Existe unha gran diferenza entre a definición que nos dá o mercado da arte e a definición que temos cada un da mesma, esta última persoal e é a que ten importancia para min. Creo que a arte nace dun diálogo entre o artista e o espectador. Por outro lado, artistas como Koons dialogan co propio mercado, buscando estirar e deformar o concepto de arte ata límites que poden parecer ridículos. Se o espectador participa dese diálogo, pode parecerlle arte.

Que perspectiva de futuro ten unha artista nova no panorama galego e ferrolán?
Teño a vontade de dedicarme á docencia. Este último ano estiven de prácticas nunha escola de arte en Málaga e descubrín o valor que se lle pode dar á arte desde as aulas. Por outro lado, teño compañeiros como Lois Búa ou Sandra Varela que están desenvolvendo traballos artísticos moi interesantes e, xunto con moitos outros artistas que están a enriquecer o panorama galego. É por iso que me parece importante seguir creando.

Que estilo podemos atopar na exposición?
De poñerlle algunha etiqueta, diría que pintura figurativa; isto é, representa figuras e obxectos recoñecibles de maneira realista. As miñas influencias son variadas e non sempre están relacionadas co meu estilo pictórico no aspecto máis técnico, admiro a pintores actuais como Roberto Ferri, que lembra aos pintores barrocos, ou o noruego Henrik Aarrestad Uldalen, que mistura figura clásica cunha sorte de abstracción. Por outra parte, apaixóame as cores das peles en Sorolla; os fondos de Matisse ou o misterio e os símbolos de René Magritte. Tamén me inflúen referentes litearios, como Amado Nervo ou Vicente Aleixandre, que inspiraron algúns dos meus cadros.

María Saco | “Tiña a necesidade de separarme da miña obra por un tempo”

Te puede interesar