Marcos Teira e Ton Risco e o Pablo SanMamed Trío abren un Jazz da Ría de resistencia

Marcos Teira e Ton Risco e o Pablo SanMamed Trío abren un Jazz da Ría de resistencia
Marcos Teira e Ton Risco | cedida

“A cultura é segura”. Esta frase remata as normas preventivas coas que se celebrará a cuarta edición do Jazz da Ría, esta vez só en Ferrol e só nun escenario. Control de aforo, separación entre cadeiras para persoas non convivintes, limpeza de mans... Tódalas medidas están preparadas para que se poida celebrar un evento que apoia a música galega e demostra, como tamén o veñen facendo outros concertos ao aire libre nas últimas semanas, que é posible retomar a actividade nas artes, do mesmo xeito que se fixo con outros sectores económicos.

O festival comeza hoxe ás nove da noite, no Cantón de Molíns. O dúo formado por Marcos Teira e por Ton Risco inaugura a música, para dar paso despois ao Pablo Sanmamed Trío.

Risco no vibráfono e Teira na guitarra, achegan unha combinación inusual que transita por standards do jazz, música su-damericana, flamenco e composicións propias. Pola súa banda, o contrabaixista Pablo Sanmamed acompáñase por Iago Mourinho (piano) e Bruno Couceiro (batería) para presentar os temas do seu disco de debut, que amalgama jazz e músicas do mundo. 

Para asistir, é preciso reservar cadeira na web www.reservas.gal. Débese estar no Cantón media hora antes do comezo para facilitar a colocación do público. No caso de que haxa sitios libres tamén se poderán ocupar, por orde de chegada, seguindo as instruccións dos organizadores e facilitando os datos persoais por se fose necesario un rastrexo.

O programa de concertos no Cantón continuará mañá e o domingo. No primeiro caso, coa música de Ejazz e de Por Mí, Swing. O Jazz Campos Trío pechará o festival o domingo.

O espírito do Jazz da Ría permanece nunha edición sobrevivivente. Os seus obxectivos pasan por colocar a Ferrol no circuíto nacional de jazz, crear novos públicos e hábitos culturais, recuperar a memoria histórica da cidade e destacar elementos patrimoniais que supoñen un atractivo turístico e cultural.

Marcos Teira e Ton Risco e o Pablo SanMamed Trío abren un Jazz da Ría de resistencia

Te puede interesar