Marcos Lorenzo constrúe coa biografía do poeta Karlotti un modelo vital

Marcos Lorenzo constrúe coa biografía do poeta Karlotti un modelo vital
Karlotti Poesia Salvaxe

Baixo o título “Karlotti, un poema crónico” (Axóuxere edicións) o economista e xestor cultural Marcos Lorenzo vén de publicar o primeiro volume dunha serie titulada “Vividores” na que reflexiona a través de varios exemplos vitais acerca do que entende que debería ser unha escola de vida emocional e psicolóxica, “hoxe afastada dos coñecementos académicos e técnicos que se aprenden en escolas ou universidades”.
“Unha sabedoría –abunda Lorenzo– que antes se transmitía oralmente a través das familias. Como enfrontarse á vida, tomar decisións e manexar as emocións e que hoxe, roto o diálogo interxeracional, cambiouse polo consumo, un sucedáneo que marca os obxectivos das nosas vidas como a cenoura do burro. Un fenómeno que está sendo unha fábrica de seres fracasados e torturados por tratar de imitar os modelos que nos venden”.

a superación dos medos
Lorenzo, que foi técnico de Cultura do Concello de Ferrol entre 2007 e 2009, explica as causas que o levaron a facer o primeiro volume da serie centrado na biografía de Carlos Valle Karlotti, alma, con Guillermo Ferrández, da ferrolá  Semana da Poesía Salvaxe. “Karlotti é un home falador, capaz de facer dunha conversa tabernaria toda unha experiencia na que transmite toda a súa humanidade, desde o máis abstracto ata o máis pedestre, desde o concepto de dignidade ata as legumes. O seu non é un saber libresco, no que se repiten citas e lugares comúns aprendidos nos libros, senón unha escola da experiencia, de sabedoría e de vida”.
Para Lorenzo, un repaso á biografía do poeta dá unha idea do seu significado: “Foi un home que saíu de aquí e viviu moito mundo. Marchou de visita un mes a Praga e logo acabou dando voltas por varios países durante anos e traballando, por exemplo, en Afganistán ou nun circo en Irán. Montou dúas tabernas libertarias en Valladolid e foi instigador e figura cultural ‘underground’ nos tempos da Transición. Traballou en moitas cousas e non traballou en nada, viviu o día a día sen ningún dos medos que hoxe se nos queren inxectar. Un revolucionario vital que me inspirou neste proxecto aberto que máis que unha colección de vidas ilustres é un banco de ideas e de boas prácticas da vida no que estaría ben que nos miráramos, un espello de xente que como Karlotti soubo enfrontarse ao día a día cun sorriso”. n

Marcos Lorenzo constrúe coa biografía do poeta Karlotti un modelo vital

Te puede interesar