Manuel Monge | “En Historia non se pode pasar páxina sen ter lido e explicado a anterior”

Manuel Monge | “En Historia non se pode pasar páxina sen ter lido e explicado a anterior”
Manuel Mongue escritor

Ademais de sociólogo e escritor, Manuel Monge foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. En “Os restos do franquismo en Galiza”, o autor dedica unha parte a analizar esta “anomalía democrática” na comarca de Ferrolterra.

Por que este libro?

En febreiro de 2019, a dirección xeral de Memoria Histórica, que depende do Ministerio de Xustiza, enviou a todos os concellos notificacións do que consideraba restos de simboloxía franquista a retirar. Segundo esa instrución, en Galiza había arredor de 15 concellos que tiñan unha trintena de símbolos. Decidín ver que había disto, comecei a recoller información, moita dela a través de amigos e compañeiros, e comprobei que os 15 concellos eran en realidade 87, e dos trinta símbolos pasamos a 609. O libro, que só leva un mes na rúa, xa está desfasado, pois seguen a aparecer novos casos. E iso é unha boa nova, o mellor que lle pode pasar, porque significa que hai xente implicada. Nalgúns concellos non saben nin o que teñen.

Cantos quedarían en Ferrolterra?

No libro hai un apartado só sobre Ferrolterra. Son once concellos con máis de oitenta símbolos.

Por que acontece isto?

Ademais do meu interese como sociólogo, estiven no cárcere durante a ditadura en dúas ocasións e creo que manter esa simboloxía é unha ofensa a todas as vítimas. Non se pode dicir que se acabou co franquismo cando temos Galiza ateigada da súa simboloxía. É unha vergoña colectiva na que están implicados partidos de todo signo. Hai que tomar isto en serio porque se dá unha incongruencia tremenda entre o que se fai noutros sitios do Estado e o que se fai aquí. Un exemplo é a alameda de Suanzes, en Ferrol. A este señor, en Málaga, que goberna o PP, xa lle retiraron o título de fillo adoptivo. Como se pode manter en Ferrol despois de cambiarlle o nome ao instituto?

Tamén fala da actitude do Ministerio de Defensa.

É unha actitude lamentable. Non se pode dicir que hai que retirar a simboloxía, que o PSOE vai facer unha revisión da Lei de Memoria Histórica, cando en Ferrol o principal promotor e nicho desta simboloxía é o propio Ministerio de Defensa. En varios plenos aprobouse pedirlle a retirada dos nomes do viario do Arsenal, uns nomes que foran retirados na cidade en 1981 e pouco despois metéronse dentro. Por non falar de lugares como a igrexa de San Francisco, que é un museo de exaltación do franquismo, ou da escultura na entrada do hospital Juan Cardona de Camilo Alonso Vega, a quen fai 40 anos xa se lle retirara unha rúa. Ou o nome do hospital, igual que nos pasou na Coruña: Toda a vida con Juan Canalejo pensando que era un médico, cando nin un nin outro teñen nada que ver coa medicina, senón co golpismo. Como pode levar un hospital o nome dun golpista?

En moitos casos xustifícase por outras facetas das súas vidas...

Hai un branqueo sistemático. Sobre o Pazo de Meirás e a Casa Cornide hai unanimidade de todos os partidos: foi un roubo, un espolio e deben devolverse ao pobo galego. Vale, pero que facemos cos organizadores do roubo? Porque teñen nome e apelidos: Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría de Llano, entre outros. E aí os temos, de fillos predilectos. Ou o caso de Salvador Moreno Fernández, tamén distinguido en Ferrol, que estaba ao mando do “Canarias”, desde o cal bombardearon toda a costa e mataron 6.000 persoas. Pois ten unha rúa no Arsenal e é fillo predilecto tamén.

Esa especie de laxitude débese a que a Lei non é o suficientemente concreta ou a unha interpretación que se fai do texto?

As dúas cousas. Desde que se aprobou a lei cambiaron moitas cousas a mellor. Aprobáronse novas leis en Andalucía, Extremadura ou Aragón que melloraron aspectos algo dubidosos. Iso é positivo. Naquel momento xurdiu un problema: que facer cos alcaldes do franquismo. Agora iso está superado porque en Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Bilbao ou Zaragoza non queda nin unha soa rúa nin ningunha distinción aos alcaldes da ditadura. O que é incomprensible é que con gobernos municipais do PSOE se manteñan. Na Coruña, por exemplo, hai trinta. Iso mesmo valerá para os gobernadores civís e persoas que participaron activamente na represión, como Salgado Torres, a quen lle retiran a rúa en Ferrol, pero mantéñenlle a distinción como fillo predilecto. Hai falta de información e criterio, e penso que o primeiro deber dos responsables municipais é informarse e actuar coherentemente. González Formoso retiroulle a Constantino Lobo as distincións hai dez anos nas Pontes, pero mantenlla na Deputación.

Como rebate o argumento de que iso é cousa do pasado e que non deixan de ser nomes?

Ese argumento non é propio dunha sociedade democrática. Non hai en Europa ningún Estado que manteña esas distincións. Hai algún ministro de Hitler ou Mussolini que teña unha distinción en Alemaña ou Italia? Pois en Ferrol temos nove ministros como fillos predilectos ou adoptivos... E non pasa nada. As distincións deben ser para persoas que son un exemplo. Que exemplo damos distinguindo ministros de Franco ou represores? E logo é unha ofensa ás vítimas. Na Deputación de Badajoz o PSOE fixo un inventario, notificou a cada concello o que tiña que cambiar e fixo unha advertencia: ou se cambiaba ou non recibía ningunha subvención. Iso é o que hai que facer: tomar medidas exemplares. En Historia non se pode pasar páxina sen ter lido a anterior. l

Manuel Monge | “En Historia non se pode pasar páxina sen ter lido e explicado a anterior”

Te puede interesar