Manolo Bacalhau | “Cantar de bar en bar cando iamos tomar os vasos era unha maneira de pasalo ben”

Manolo Bacalhau (Ferrol, 1955) subirase esta tarde as táboas do Jofre para presentar o seu primeiro traballo discográfico, “Son do bar”. Mudará así por unhas horas o seus habituais escenarios para o cante

Manolo Bacalhau | “Cantar de bar en bar cando iamos tomar os vasos era unha maneira de pasalo ben”
Manolo Bacalhau presentará o seu primeiro disco nun concerto no Jofre previsto para as 20.30 horas | d. alexandre
Manolo Bacalhau presentará o seu primeiro disco nun concerto no Jofre previsto para as 20.30 horas | d. alexandre

Manolo Bacalhau (Ferrol, 1955) subirase esta tarde as táboas do Jofre para presentar o seu primeiro traballo discográfico, “Son do bar”. Mudará así por unhas horas o seus habituais escenarios para o cante –normalmente bares e tabernas e sempre en colectividade– por un espazo cultural que finalmente quedou pequeno para acoller a todo o público interesado en acompañar ao artista nesta cita –as entradas, gratuítas, xa están esgotadas–. “Non agardaba esta acollida. Estou moi sorprendido, porque non imaxinaba nin de broma un cheo no Jofre, pero estou encantado”, comenta.
O disco, que foi “argallado” nunha sesión vermú entre amigos na Fundaçom Artábria e financiado a través dunha campaña de micromecenazgo, inclúe dez temas da canción tradicional galega e portuguesa, outras de autor e unha peza musicada dun poema de Rosalía de Castro.
O cantor estivo acompañado no proceso de elaboración deste traballo polos músicos Roberto Grandal (acordeón), Cabe García (guitarra), Óscar Painceiras (contrabaixo), Javi Amor (guitarra portuguesa), Ramón Dopico (percusión), Fausto Escrigas (gaita y saxo) e Antón Varela, que tristemente falecía o pasado mes de xullo.
Nas voces, Manolo Bacalhau contou coa colaboracióin de Leandro Lamas, Lorena Montero, Manolo Cuétara e Paula e Silvia Fojo.
A cita contará tamén coa participación como convidados de Xurxo Souto, Xoán Rubia e María Manuela.
Do proceso de creación do disco, que permitirá deixar rexistrada a súa achega á música ferrolá, di que foi unha experiencia “moi bonita”. “Levoume moito tempo escoller as cancións, quedaron moitas fóra. O disco é un rexistro do que fago habitualmente”, comenta.
Bacalhau, que se define como “cantor de taberna”, non de música tabernaria, “porque eu o que canto é musica tradicional galega, portuguesa,...”, di, leva cantando toda a vida. “Eu penso que vén xa desde que estaba dentro da miña nai, que non para nin un minuto de cantar”, recoñece.
Esa forte tradición musical na familia –seu avó estivo no Toxos e Froles e en Ecos da Terra– permitiulle disfrutar xa na súa infancia duns encontros nos xantares dos domingos convertidos en auténticas actuación corais.

Guitarra
Con quince anos de idade comezou a asistir a clases de guitarra, atopando así o tándem perfecto para dar renda solta a súa afición musical. Unha afición da que lle gusta disfrutar en colectividade. Así, en grupo, sendo mozo e coa súa pandilla, foi como comezou a tocar e cantar polos bares. “Era a maneira de pasalo ben. Iamos tomar os vasos e cantabamos de bar en bar. E o pasabamos ben así”, salienta.
Así de ben o pasará, a bo seguro, esta tarde nun concerto no que Bacalhau –alcumado así polos seus amigos cando regresou, con 18 anos de idade, da primeira e única campaña que realizou a Terranova– amosará o seu repertorio.0