Máis de oitenta obras dan vida á mostra do IX Concurso de Pintura “Cidade de Narón”

Bodegóns, paisaxes, retratos, animais ou construcións. Estes son algúns dos elementos centrais das obras que dan forma á exposición do IX Concurso de Pintura “Cidade de Narón” organizado polo Padroado da Cultura. Á convocatoria presentáronse un total de 82 traballos, dos que 37 optan a catro premios en metálico, mentres que os 45 restantes enmárcanse na categoría Infantil e Xuvenil.
Tralo remate o pasado venres do prazo de recepción dos cadros, esta pode verse xa no Pazo da Cultura. Alí permanecerán ata o vindeiro día 23 –en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas de luns a venres e tamén os sábados de 10.00 a 14.00 horas–, data na que se dará a coñecer o fallo do xurado coincidindo cun acto que se celebrará con motivo do Día de Narón, festividade local.
Na modalidade de adultos, inclúense obras de pintores de Narón e tamén doutros municipios da comarca como Neda, Ferrol, Ortigueira ou Cariño, así como doutros puntos da xeografía galega –Betanzos, Cambados ou Vigo– e mesmo de fóra da comunidade –Cantabria, Sevilla, León e Málaga–.
No tocante á modalidade infantil e xuvenil, atópanse traballos realizados por persoas de entre 3 e 15 anos. Todos elas recibirán un obsequio pola súa participación.
Xunto a todos estos traballos, a mostra inclúe unha obra de Francisco Criado –pintor que foi veciño de San Xiao e que dá nome ao premio honorífico deste certame– e outros cadros galardoados en anteriores edicións, como “Foise”, de Raúl Gil Burés, gañador do ano pasado.
Premios
Os participantes na categoría de adultos optan a catro premios en metálico, tal e como se informou onte. O primeiro está dotado con 1.500 euros; o segundo con 750; e o terceiro con 400. Estas obras pasarán a ser propiedade do Padroado da Cultura e o gañador non poderá presentarse ás vindeiras dúas edicións deste certame, tendo dereito –a maiores do premio en metálico– a unha exposición de quince días da súa obra nas instalacións do Pazo.
A maiores entregarase o Premio Especial Francisco Criado (incompatible cos anteriores), por importe de 200 euros.
A presidenta do Padroado da Cultura e alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, agradeceu a elevada participación neste concurso e o “interese que desperta ano tras ano entre persoas non só de Narón senón tamén de moi variados puntos da xeografía española”. Ferreiro presidirá o vindeiro día 23 a entrega de premios do certame, prevista para as 20.00 horas no Pazo da Cultura.  l

Máis de oitenta obras dan vida á mostra do IX Concurso de Pintura “Cidade de Narón”

Te puede interesar