Máis de dous milleiros de peregrinos fixeron o Camiño Inglés en maio

Máis de dous milleiros de peregrinos fixeron o Camiño Inglés en maio
A presenza de peregrinos nas rúas, camiños e estradas da comarca é habitual a diario e a diferentes horas do día | emilio cortizas

O Camiño Inglés confirma o seu bo momento, cun incremento continuo de camiñantes. As cifras que publica a Oficina do Peregrino (dependente da Catedral de Santiago e que rexistra as persoas que recollen a súa credencial) rubrican o que se ve cada día nas rúas, estradas e albergues da comarca. É doado atopar xente a pé coas súas mochilas ao lombo, sobre todo polas mañás e ata primeira hora da tarde.

O mes pasado foron polo menos 2.288 persoas as que saíron de Ferrol e chegaron a Compostela a recoller a súa acreditación. É o mellor dato contemplado nun maio, achegándose a números propios dos meses centrais do verán, cando a afluencia se multiplica. De feito, supéranse os peregrinos de abril, que foron 1.682, coa particularidade de que entón se contaba coa Semana Santa, unha data turística por excelencia que sempre incrementa a presenza de persoas na zona e tamén no Camiño de Santiago. Sumando as saídas que se fixeron desde A Coruña, a cifra total de individuos facendo esta ruta foi de 2.388.



Recuperación


O que se confirma tamén é que os efectos da pandemia de coronavirus quedaron atrás. O ano pasado, en maio, saíron do peirao de Curuxeiras 334 persoas. Estábase superando a dura onda de covid do inverno, que golpeou en toda Europa. En 2020, aínda saíndo do gran confinamento, os Camiños estaban pechados e o número de peregrinos, polo tanto, foi cero.

Se se compara a cifra actual coa situación de 2019, cando non se adiviñaba o que ía pasar despois e se batía récord tras récord de afluencia, tamén resulta positiva a evolución. Entón houbo 1.702 camiñantes no mes de maio, case 600 menos que agora.

O mes máis concorrido dos últimos anos foi precisamente en 2019, cando en agosto se contabilizaron 3.554 camiñantes que chegaron a Santiago saíndo desde Ferrol. En 2021 xa se estaba remontando o batacazo do covid pero non se alcanzaba un dato que, en vista da tendencia que apunta este 2022 –que aínda está considerado Ano Santo grazas a unha concesión do Vaticano– podería superarse. Desde xaneiro súmanse 4.558 peregrinos en total, un número que é superior ao que se rexistraba no 19 nos primeiros cinco meses (3.640). 

Máis de dous milleiros de peregrinos fixeron o Camiño Inglés en maio

Te puede interesar