Máis de cincocentos escolares da bisbarra participaron no Correlingua

Máis de cincocentos escolares da bisbarra participaron no Correlingua
tralo remate da carreira, houbo xogos populares no cantón de molíns daniel alexandre

Máis de cincocentos escolares de sete centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria da comarca participaron onte nunha nova edición do Correlingua, que desta volta levaba por lema “Galego, a chave do mundo” e que, no caso de Ferrol, tivo lugar no Cantón de Molíns e no teatro Jofre.
Alumnos e alumnas dos colexios Centieiras e Os Casais de Fene, Recimil e Terra de Ferrol da cidade naval, Piñeiros e A Solaina de Narón e o IES de Cariño protagonizaron a carreira deste ano, na que, como as anteriores, predominou o seu carácter lúdico-educativo por riba do competitivo. Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras a prol do idioma galego en todo o país.
Esta actividade está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística, os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo, así como a Deputación de Lugo.
Logo das carreiras, os alumnos e alumnas que se implicaron nesta edición organizáronse en dúas quendas para asistir á festa final, conducida polo mago Martín Camiña e na que, ademais, se deu lectura ao manifesto gañador desta edición –a cargo de Antón Cortizas– e a unha actuación musical de Luis Prego. Namentres, o outro grupo puido participar nos xogos populares que tiveron lugar na explanada do Cantón.

Máis de cincocentos escolares da bisbarra participaron no Correlingua

Te puede interesar