Máis de 7.500 escolares asistirán ás funcións da mostra de teatro infantil e xuvenil de Narón

Máis de 7.500 escolares asistirán ás funcións da mostra de teatro infantil e xuvenil de Narón
diario de ferrol-9999-99-99-999-9b9c99b7


A actividade comezará hoxe mesmo no Auditorio municipal coa representación –en dúas funcións diferentes– da obra “A Galiña Azul”, da compañía Tanxarina, para alumnado dos colexios Ponte de Xuvia, Piñeiros, Virxe do Mar, CPI A Xunqueira, Santiago Apóstol, Juan de Lángara, CEIP da Gándara, CRA de Narón e CPI San Sadurniño.

A maiores dos 595 nenos que asistirán hoxe á cita, ao longo desta semana poderán ver esta mesma montaxe un total de 1.199 escolares de entre 3 e 5 anos de centros educativos de Narón, Ferrol, Fene, Neda, Mugardos, Pontedeume, Ares e Valdoviño.


A vindeira semana, as represetacións correrán a cargo da compañía Ghazafelhos, que achegarán a uns 2.406 rapaces a obra “A nena e o grilo”. Estas sesións terán lugar no Pazo da Cultura.

Talía
Talía Teatro tomará o relevo no devandito escenario na terceira semana do programa para representar a obra “Bicos con lingua”, á que acudirán outros 1.186 estudantes de cuarto de ESO e primeiro e segundo de Bacharelato.

Tamén no Pazo actuará o grupo El Callejón del Gato, neste caso os días 13 e 14 de novembro, para poñer en escena a obra “Crecer”. 

Poderán gozar da mesma uns 2.130 alumnos de quinto e sexto de Primaria e de primeiro e segundo de ESO.

Escolas infantís
As funcións teatrais chegarán tamén ás tres escolas infantís do municipio (A Solaina, A Gándara e Piñeiros) e á Unidade de Preescolar do colexio Santiago Apóstol, onde se representará a obra “La Granja”, de Teloncillo.

Os escolares pagan dous euros en concepto de entrada para ver estes espectáculos da Mostra, se ben o Concello de Narón corre cos gastos de desprazamentos dos nenos e nenas matriculados en centros da cidade.

Tamén no marco da Mostra desenvolveranse, en colaboración cos centros, diferentes actividades didácticas e formativas relacionadas co teatro.


A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, presentaron onte unha convocatoria “na que tamén apostamos por dar a coñecer o traballo de compañías de teatro maioritariamente galegas, con espectáculos en lingua galega que constatan o excelente labor que se está a realizar nesta área no noso país”, comentou Ferreiro, que agradeceu a colaboración dos centros educativos que toman parte na cita.

Espada, pola súa banda, valorou a gran resposta que ano tras ano ten unha mostra que pretende achegar aos escolares ás artes escénicas, o que anima ao goberno a continuar traballando nesta liña.

Máis de 7.500 escolares asistirán ás funcións da mostra de teatro infantil e xuvenil de Narón

Te puede interesar