Máis de 200 mozos de ESO e Bacharelato tomarán parte na xornada do campus dedicada á enxeñaría

Máis de 200 mozos de ESO e Bacharelato tomarán parte na xornada do campus dedicada á enxeñaría
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-4c7a3ca0

Máis de 200 mozos de cinco institutos –Manuel Murguía de Arteixo, Moncho Valcarce das Pontes, Cabo Ortegal de Cariño, Rego do Trabe de Culleredo e Fragas do Eume de Pontedeume– terán a oportunidade de coñecer de preto o Campus de Ferrol e algúns dos seus laboratorios no decurso da xornada de portas abertas organizada co gallo do Día da Enxeñaría. A cita terá lugar este mesmo venres e incluirá a visita a Exponav (farase en tres quendas ás 10.00, 12.00 e 17.00 horas).

O programa dará comezo ás 9.30 horas coa recepción aos participantes no salón de actos “Concepción Arenal” de Esteiro coa presenza da vicerreitora de Ferrol, Araceli Torres; o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás Costa; e os directores da EPS, Armando Yáñez, e da EUP, Andrés Piñón.

Estas dúas escolas son as organizadoras, xunto ao Campus Industrial, dunha xornada que permitirá descubrir aos estudantes o traballo que se fai nos laboratorios universitarios de ámbolos dous centros.

Estudos
A Escola Politécnica Superior, situada en Esteiro, oferta os grados en Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais e en Enxeñaría Naval e Oceánica.

Coa finalidade de que os participantes poidan coñecer máis polo miúdo estas titulacións, o centro deseñou unha serie de actividades para o venres. Son as seguintes: “Buques e ondas: a canle de ensaios hidrodinámicos”; “Simulación de máquinas e vehículos”; “Entre rectas e curvas: explorando a xeometría”; “A mecánica de fluídos”; “Robótica Autónoma”; “Espontaneidade de reacción oxidación-reducción”, “Electrodeposición” e “Rotura de formigón”.

A Escola Universitaria Politécnica de Serantes, pola súa banda, prevé a visita aos laboratorios de Automatización e de Optimización e Control. O centro imparte os graos en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Eléctrica.

As prazas para esta actividade eran limitadas, cubríndose xa todas as dispoñibles, tal e como se informou desde a institución académica herculina.

Con esta iniciativa, preténdese achegar as potencialidades que o campus ferrolán ten no eido tecnolóxico e da enxeñaría aos alumnos de ensino secundario e á sociedade en xeral.

Máis de 200 mozos de ESO e Bacharelato tomarán parte na xornada do campus dedicada á enxeñaría

Te puede interesar