O LiterAres propón un encontro con vermú, charlas e micro aberto

O LiterAres propón un encontro con vermú, charlas e micro aberto
Alma Barrón e Pablo J. Rañales na presentación da actividade, que contará coa participación musical da A. C. Xábrega | CEDIDA

Este sábado celébrase a primeira edición do LiterAres, unha iniciativa que trata de achegar aos asistentes a literatura de proximidade no espazo da Alianza Aresana. O encontro, que abarcará dende as 11.00 até as 20.00 horas, contará coa participación de 18 autores e autoras da zona, xa consolidados no sector editorial galego.


A presentación desta proposta tivo lugar onte no consistorio, coa participación, por un lado, da concelleira de Cultura, Alma Barrón, quen sinalou que no evento poderemos “achegarnos a outras disciplinas como o recital poético ou a música e incluso incorporar a memoria da emigración indiana”.

 

No acto tamén interveu Pablo J. Rañales, delegado da Asociación Galega de Escritoras e Escritores –AGER– que tamén estará entre os autores protagonistas do primeiro LiterAres. Este escritor advertiu da “diversidade das actividades deste evento”, e puxo o exemplo das “conversas sobre o misterio e o terror en Galicia”, que porán fin ao encontro literario.

 

Programa

A apertura será ás 11.00 horas no salón de actos e ás 11.15 horas, a charla “Literatura e emigración: escribir dende a memoria”, a cargo de Nones Araújo e Alma Barrón, coa moderación de Laura Rodríguez, editora de Hércules. Ás 12.00 horas pasarase ao exterior para tomar o vermú coa conversa do ilustrador e autor de cómic local Antonio Seijas xunto a Pablo J. Rañales coa conversa “Vermú artístico: crear e ollar dende Ares”.


Ás 13.15 horas, “Literatura infantil e xuvenil: o reto de conectar coa mocidade”, por Andrea Maceiras e Antía Yáñez, moderadas polo xestor cultural Iago Fandiño. Ás 17.00 horas, cun obradoiro infantil de creación de marcapáxinas, sesión de micro aberto ás 18.00 horas, e sinaturas de Juan Galán, Teresa Cameselle, María Nieto e Micaela Barbeito. “Unha Galicia de lenda” pechará o evento ás 20.00 horas, con Arantza Portabales e Antía Yáñez. 

O LiterAres propón un encontro con vermú, charlas e micro aberto

Te puede interesar