Os libros saen á rúa nunha feira que reunirá ata o domingo a doce casetas

Os libros saen á rúa nunha feira que reunirá ata o domingo a doce casetas
Anxo Lorenzo, Suso Basterrechea, Goretti Sanmartín e Antonio Martínez presentaron onte a Feira do Libro | jorge meis

A cidade de Ferrol renderase estes días á literatura coa celebración da Feira do Libro, desenvolvido este ano baixo o lema “Ler sen fronteiras”. Desde esta mesma mañá, a partir das 11.00 horas, e ata o domingo, oito librarías e varias casetas institucionais sacarán os libros á rúa para achegar ao público, entre outras opcións, as últimas novidades editoriais.

Cortizas, Galiano, Estraviz, Metrópolis Cómics Ferrol e A Coruña, Day, Pedreira e a Central Librera compartirán espazo cos stands da Biblioteca Municipal de Ferrol, de Edicións Embora, así como os da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta. Todas estarán ubicadas na Praza da Constitución, onde poderán ser visitadas en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas –a fin de semana e festivos o peche do mediodía prolongarase ata as 14.30 horas–.


Máis de 25 escritores, ilustradores, poetas e profesionais da literatura aproveitarán a cita para dar a coñecer os seus traballos e contactar de xeito directo co público.
Xunto ás presentacións e sinaturas de libros, haberá espazo, como é habitual, para moitas outras actividades dirixidas a todo o público.

Certame
Unha delas consistirá, aproveitando o repunte que está a ter a banda deseñada, nun obradoiro de ilustración e un certame de debuxo para rapaces e mozos no que reflictan a súa visión sobre a feira. O premio consistirá nun vale para canxear por libros na propia feira.
Un taller de letras de scrap, a actividade lúdica “Na procura dos libros perdidos” ou unha actuación infantil a cargo de Luís Vallecillo titulado “Cantares das Letras de Rosalía a Victoria Moreno” serán outras das propostas dirixidas ao público infantil.

Ademais, os libros terán un desconto do 10% e por compras superiores a 15 euros entrarase no sorteo de diferentes agasallos. O luns 23, Día do Libro, entregarase un caravel por cada libro mercado.

Inauguración
Trala apertura de portas desde as once da mañá, a Feira do Libro incluirá nesta primeira xornada, ás 17.00 horas, a proposta “A maxia dos libros nas rúas de Ferrol”. Ás 19.00 horas, a escritora ferrolá Ánxela Loureiro asinará exemplares do seu último libro “Choiva de ras”, publicado por Editorial Xerais –ás 20.00 horas presentará este traballo–.
O acto de inauguración oficial está previsto para as 19.30. A actuación do Real Coro Toxos e Froles acompañará ao pregoeiro deste ano, Miguel Toval (Edicións Embora).
Dos detalles da programación deu conta onte o presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra, Antonio Martínez. Fíxoo nunha rolda de prensa no que estivo acompañado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; e o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea.
Sanmartín apuntou ao sector libreiro como estratéxico e fundamental para a cultura e tamén como elemento dinamizador económico. “É un sector que merece un apoio firme. Estas feiras permiten visibilizar o conxunto de publicacións máis recentes así como as máis salientables dos últimos tempos, contituíndo así un espazo de diálogo entre autores e público”, comentou.

A vicepresidenta do ente provincial destacou a lectura como o único xeito de “ampliar coñecementos e viaxar sen saír do lugar”. A Diputación aproveitáará a cita ferrolana para seguir promocionando a súa última publicación, un libro inédito de Xohana Torres sobre San Andrés de Teixido.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, subliñou a dimensión comercial da feira, mentres que o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea apuntou a necesidade de defender a cultura do día a día e o pequeno texido comercial e empresarial.

Os libros saen á rúa nunha feira que reunirá ata o domingo a doce casetas

Te puede interesar