José Rilo | “Para min é fundamental a confianza do xefe nos traballadores, e viceversa”

José Rilo | “Para min é fundamental a confianza do xefe nos traballadores, e viceversa”
José Rilo Dopico

O gran mérito de José Rilo Dopico foi, para quen coñece a súa traxectoria, o de anticiparse ás necesidades e mudanzas dun sector, o da construción, que, como el mesmo recoñece, “cambiou moito desde que empecei nel”, a finais dos anos 60. Hoxe, despois de edificar un grupo empresarial de referencia na comarca, recibe de Cofer, a patronal que dirixiu nos seus primeros anos de vida, a súa medalla de ouro.

 

Que sensacións ten diante deste recoñecemento?

Eu tiven a sorte de poder facer o que quería, e iso foi moi importante para min. Tendo en conta de onde saín, nunca pensei ser o empresario do ano nin de nada! Empecei a traballar, fun facendo e, unha vez metido, un sempre quere facer cousas que cre que son positivas. Estiven en asociacións de ámbito nacional, tanto de maquinaria como de reciclaxe, onde aprendín moito e puiden aplicalo ás que creamos tamén en Galicia. Nunha asociación sempre hai un 15 ou un 20% de persoas que persegue o mesmo ca ti, igual que hai outra parte que pensa doutra maneira. Cando dás con ese grupo afín, aprendemos uns dos outros e sempre coa idea de mellorar.

 

Como foron eses inicios?

Eu fun aprendiz de Bazán, como fora meu pai, pero a min non me gustaba. O curso de 1965 foi o primeiro no que entrou xente con bacharelato, que traballaban e estudaban. En Ferrol non había Peritos daquela, pero si Maestría de Delineación, e a iso foi ao que me agarrei. Tiven unha oferta para dar clases alí, pero eu non quería estar na administración.

 

Tiña outras inquietudes...

Si, eu quería facer as cousas á miña maneira. Un día cheguei a unha empresa de prefabricados, con vinte e pico persoas ao cargo. Eu estudara aqueles cursos que se daban na Bazán sobre organización do traballo, unha asignatura que parecía unha “maría” pero que para min foi importantísima: o traballo faise ben cando está ben organizado.

O que necesitamos é credibilidade. Os empresarios temos mala fama, e non hai dereito, pois no mundo da empresa pasa o mesmo ca no resto das actividades

E como foi a evolución?

Naquel momento, finais dos 60 e comezos dos 70, estábase construíndo San Valentín, Caranza... Había moito traballo. Fun comprando os camións coa idea, iso si, de cambiar de filosofía, e fomos innovando. Co de poñerlle unha grúa a un camión empezamos nós, e foi un cambio importante porque a construción non evolucionara case nada en moito tempo. Propuxen tamén paletizar os ladrillos para cargalos coas grúas. Foi un avance importante porque o ladrillo non rompía e aforrábase moito tempo. Logo viñeron outras mudanzas, como as grúas articuladas ou os formigóns que viñan xa dosificados da planta. Fomos cambiando a forma de traballar. Tampouco o escombro, que se tiraba para abaixo de calquera maneira e provocaba suciedade, accidentes... Tiven que convencer á xente de que había que poñer un contedor pra recoller os entullos. E tamén comezamos a instalar os tubos para desentullar. Todo isto fómolo introducindo sistematicamente e pouco a pouco.

 

Non era doado dicirlle aos traballadores que tiñan que cambiar a súa forma de facer, claro.

Non, claro, como lle ía dicir eu a unha persoa que levaba trinta anos traballando que aquilo que facía había que facelo doutra maneira? Eu dicíalles: facer sempre o mesmo é malo. E así foi, tratando de facerme crible para os meus clientes chegou un momento no que eles eran os que me preguntaban e me pedían consello. Logo chegou o aluguer de maquinaria, co que as empresas pagaban un servizo sen ter que mercar a súa propia. Creo que todos acabaron vendo que todo iso era razonable.

 

Que outros cambios cre que foron importantes?

Outro exemplo son as emisoras nos camións, que permitiron organizar o traballo, optimizalo, planificarnos e aforrar en desprazamentos innecesarios, pois cada vez que facían un traballo volvían á oficina para preguntar cal era o seguinte. A miña obsesión sempre foi a organización do traballo. E a prevención, por suposto.

Cal é a clave para ter chegado ata aquí?

Non hai unha clave; hai varios factores: o ambiente, a confianza do xefe nos traballadores e dos traballadores no xefe, a innovación no tema das grúas, contedores, tubos para desescombrar, emisoras, etc. O traballo na construción era perigosísimo, as condicións eran precarias, os andamios... Morría moita xente en accidente laboral e eses cambios axudaron a mellorar moito na prevención de accidentes. En definitiva, eu destacaría a relación, a innovación e traballar: o cliente ten que quedar satisfeito, claro.

 

Quédalle a espiña de non ter podido ver a unidade empresarial na comarca?

O meu labor consistiu en unir as que había en Ferrol para que tivesen máis forza, sobre todo na relación coas administracións, e establecer certos mínimos. Competencia vai seguir habéndoa, pero hai competencias positivas e hai competencias negativas. Cofer naceu para iso. Facía falta unha asociación forte e tanto AEF como IEN por Europa estiveron dentro de Cofer, pero creo que nun momento os personalismos provocaron esas saídas.

 

Como ve a situación actual no sector?

Na etapa anterior, en 2007, empezamos a tomar medidas ante o que se nos viña enriba, que aínda non se cría moito, por certo. Iso levounos a ter que recortar case un 70% a empresa, tanto en persoal como en facturación. Houbo que sobrevivir: non é o mesmo empezar de novo un proxecto que manter unha empresa case en punto morto, en mínimos. Agora volvimos aos niveis daquela época. Que fas en plena crise? Capear o temporal. O que necesitamos é credibilidade. Os empresarios temos mala fama, e non hai dereito. No mundo da empresa pasa como en todos os ámbitos: hai corruptos e indesexables en calquera actividade, pero a maioría traballa con honradez.

José Rilo | “Para min é fundamental a confianza do xefe nos traballadores, e viceversa”

Te puede interesar