Jorge Suárez | “Quixéronnos desgastar pero deron con xente brava que non se deixou vencer”

Jorge Suárez | “Quixéronnos desgastar pero deron con xente brava que non se deixou vencer”
Jorge Su..rez

Jorge Suárez presentouse por primeira vez ás eleccións en 2015  e se converteu en alcalde. Agora, tras un convulso mandato, preséntase á reelección, asegurando que a aspiración segue intacta.

Os resultados das xerais, as enquisas... Que lle parece máis fiable?
A única enquisa de 2015 polas mesmas datas daba 14 para o PP e a nós catro... creo que as cociñas funcionan a todo gas. Estou convencidísimo que vai haber un goberno de esquerdas e esperamos estar nós encabezándoo. Pola configuración das listas, se abre unha nova oportunidade, logo de catro anos difíciles pero con proxectos en marcha, que teñen que completarse.

O máis seguro, de tódolos xeitos, é que haxa que pactar. Se non é o partido máis votado e visto o mandato pasado, FeC será un compañeiro leal?
Polo talante que temos en Ferrol en Común de diálogo, de apertura e de procura de solucións, de ser xente que está a pé de rúa, non dun poder fáctico ou lobby, hai boa predisposición pero temos ilusión de ser a primeira forza. Os pactos terán que facerse en tanto a ideas programáticas e si examinamos o programa tanto do BNG como do PSOE ou o noso teñen máis similitudes que diferenzas. Un pacto de calquera destas tres partes, formando ou non parte do goberno, é factible, poque debemos entender que a esquerda ten a responsabilidade de formar acordo programático no que nos sintamos todos representados. 

Aínda así, rematado este mandato, o BNG, que o apoiou, fixo unha dura oposición. Considérao un aliado ou case un inimigo?
Inimigo nunca, no persoal e político respecto moito a Iván Rivas. Ten valía, pero dado o acontecido nesta cidade tería –aínda que eu non son quen para dicilo–, que ter empatía e flexibilidade para que cousas en beneficio da cidadanía se realizasen, debería ser máis flexible.

Na candidatura, hai moitas caras novas e só dous concelleiros repiten, é unha renovación ou fuxida?
É o que representa Ferrol en Común, xente profesional que deixa a súa vida para adicarse á política. Non  chegamos para quedarnos nin temos ambición de trepar posicións. Uns abandoaron o camiño porque consideraron que chegaron ao final da súa vida política, outros se foron a outras formacións, o que tamén é respetable, isto é democracia. A lista agora conformada representa para  mín os valores de Ferrol en Común, hai xente de Esquerda Unida, coma mín; de Anova, como Xiana; hai xente sen adscripción política como Miguel, aparellador do tecido veciñal, que dan pasos valentes para nun curto período da súa vida afrontar un reto político de calado que é levantar Ferrol.

Outras das forzas de esquerda  din ser a verdadeira esencia de Podemos ou mesmo do FeC orixinal, queda claro quen é quen? 
A esencia  é para os perfumes, creo que arrogarse a esencia de algo é presuntuoso. Eu emprendín un camiño no 2015 que se chama Ferrol en Común e nunca me desviei del. Marea de Ferrol é a herdeira de Marea Ártabra e Xuntos Actúa decidiu iniciar outra candidatura, non son adversarios políticos, cada quen ten o seu proxecto diferenciado e lexítimo e canta máis participación haxa, conformando listas democráticas, activas e plurais, e máis participación haxa no sufraxio pasivo máis rica será a nosa democracia. 

Acaba un mandato convulso. Como foi a oposición, da que mesmo formaron parte os que primeiro foron membros do goberno?
En xuño do 2015 e mesmo dentro do pacto xa estaban pensando en maio 2019. Dáballes igual a situación dramática que vivira a nosa cidade, dáballes igual que propuxeramos unha tasa de saneamento máis económica, deulles igual pactar ao PP e ao PSOE aliarse para arrebatar as dedicacións e impedir o labor do goberno. Fixérono co único obxectivo do maior desgaste posible de FeC e da miña persoa, pero se atoparon con xente brava que non se deixou vencer por aparellos de partidos que tiñan posta a vista na súa ambición.

Cal foi a crítica que máis lle doeu das que recibiu?
Máis que unha en concreto, foron cuestións que non teñen que ver coa política como intentos de desprestixio, de degradación persoal, resúltanme lamentables e definen como son caracteres humanos mais alá da política. Se buscou o desgaste especialmente da concelleira de Urbanismo que me pareceu inxusto e dregradante e algunha vez se lle fará xustiza neste cidade. Tamén o ataque xenérico a Ferrol en Común como que non se tomaba isto en serio. Podemos ter momentos de lecer, cometer erros como todo o mundo, pero parece que aquí só houbo unha foto dunha bañeira pero houbo moitas outras cousas. Puxemos a cultura no foco do país. En Urbanismo encamiñamos obras que levaban décacas esperando como o mercado de Caranza, Recimil, e moitas outras. Nós aportamos rigor, traballo e humildade pero tamén normalidade, e se pode estar un bo momento cos amigos nun rato de ocio e iso non debe determinar se es ou non apto para a política.

Nomee un erro e un acerto do seu goberno
Como acerto sen dúbida os meus compañeiros. As sete persoas que cada un ten un proxecto a resaltar. Todo o seu traballo é digno de loa, tamén os que se foron, Eugenia Freire e Felipe Sas. En canto aos erros, quen pensa que non os comete xa comete un. Pero o principal foi confiar en que dentro do salón de plenos os debates ían ir dirixidos a mellorar á veciñanza e que proxectos que levamos a pleno ían ser aprobados por ser bos para a cidade. Quizais faltou tamén determinación en asuntos como o de municipalizar o servizo de recollida de residuos.

E cal sería a proposta que concluiría agora mesmo?
A do servizo de limpeza, que tería o apoio da esquerda e sería un fito histórico, nos quedou no debe.

E a praza de Armas xerou moita polémica, algúns anuncian que a cambiarán...
Non se deberan incluir nun programa electoral promesas ilegais.

Jorge Suárez | “Quixéronnos desgastar pero deron con xente brava que non se deixou vencer”

Te puede interesar