miércoles 5/8/20

Jorge Llorca | “‘O anxo de Durero’ é unha novela de intriga e con mar de fondo”

O pintor e escritor ferrolán Jorge Llorca presentou onte no centro cultural Torrente Ballester a súa terceira novela, gañadora o pasado novembro do Premio Vicente Risco de Creación Literaria
Jorge Llorca | daniel alexandre
Jorge Llorca | daniel alexandre

Dunha información que escoitou –e que non quere revelar porque ten bastante que ver coa trama da obra– foi agromando no seu maxín unha historia que foi medrando e medrando ata se converter na súa terceira novela, “O anxo de Durero”.

Unha novela “de intriga, con mar de fondo”, como el mesmo di, que ademais lle valeu para se adxudicar a vixésima edición do Premio Vicente Risco de Creación Literaria convocado polo Concello de Ourense e a Fundación Risco.

Jorge Llorca (Ferrol, 1952) achegouse onte ao centro cultural Torrente Ballester para falar dun libro do que o xurado do certame ourensán salientou a calidade de linguaxe literaria; a voz narradora, “que se presenta como unha persoa do común pero ao tempo, excepcional”; así como as descricións plásticas, “que trasladan dun xeito moi claro ao lector ao interior da trama”, destacaron ao dar a coñecer o fallo o pasado mes de novembro.

Referencias locais
O relato pode resultar tamén de gran interese para os lectores e lectoras da zona por desenvolverse en localizacións que, se ben non se axustan exactamente á realidade, teñen nomes como Esmelle, Doniños, Punta Penencia... 

Lugares e imaxes cos que o autor ten estreitos vínculos e que transcurren polas páxinas dun libro co que Llorca continúa avanzando polo camiño da literatura logo das súas dúas primeiras novelas, “O salto do can” (2009) e o “Violín de Rembrandt”, co que en 2013 acadou o 31º Premio Blanco Amor.

Aínda que esta querencia polas letras venlle de mozo, a súa afición á pintura acabou por se converter tamén na súa profesión. Estudou Belas Artes e durante moito anos, ata a súa xubilación, foi profesor na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña. “Desde moi novo tiven curiosidade por estes dous mundos, xa desde rapaz escribía e pintaba, pero acabei orientándome máis polo lado artístico, se ben a literatura sempre estivo aí”, confesa.

Na presentación estivo acompañado pola profesora de Literatura e amiga Mari Luz Couceiro.

Comentarios