A IV Asemblea nacionalista (LXV)

A IV Asemblea nacionalista (LXV)
Asistentes á IV Asemblea. Diante, Castelao e Losada Diéguez. A. Villar Ponte, Blanco Torres, Otero Pedrayo, Vázquez Monxardín, no medio. Manuel Antonio, Lustres Rivas, R. Villar Ponte, atrás

Nas últimas semanas da dirección de Antón Villar Ponte, cumpriuse o quinto aniversario da aparición d’A Nosa Terra -vira a luz, como é sabido, o 14 de novembro de 1917-, efeméride da que a publicación se fixo eco na primeira plana do número de 15 de decembro. No artigo “Levamos cinco anos de vida...” podemos ler:


“Mais dun lustro levamos traballando pol-o espallamento d’ideias redentoras n’estas colunas. Canto aconteceu desde que se fundaron as ‘Irmandades’ digno de se comentare con loubanza ou de se censurar con xenreira por resultar beneficioso ou perxudicial para Galiza, na coleición d’estas follas áchase perpetuado”.


ou:
“Son cinco anos de loita e traballo, mais fonda aquela e mais rexa este do que coidar poidesen moitos. Cinco anos proveitosos para a Terra, xa que n’eles fixemol-o perciso a fin de que a desgalización arrastada durante cinco séculos non continuara; a fin de que, o nazonalismo galego, obrigue a pensar na Galiza aos galegos menos galegos. ¡Cinco anos predicando arreo o Evanxelio da nosa redenzón!”.


Son cousas que hoxe, transcorridos cen anos, nos resultan máis que evidentes. Pouco saberiamos da historia do nacionalismo galego de non ter podido ler o que recolleron as páxinas do boletín irmandiño.


O artigo remata cun chamamento que é máis que posible que obedeza á situación na que se encontraban tanto o director como o conxunto das Irmandades:


“Irmaos leitores: nunca como agora faise necesario que axudeis ao sostenimento de ‘A NOSA TERRA’”.
Días despois da aparición deste artigo conmemorativo, Villar Ponte, como xa se viu, deixaba A Nosa Terra, cuestión da que quixo deixar constancia nas páxinas da prensa local coruñesa. Así, El Orzán / Diario independiente, na primeira plana do número do día primeiro do ano 1922, insertaba o solto “Una carta / ‘La Irmandade da Fala’”:
“Nuestro distinguido compañero D. Antonio Villar Ponte nos envía para su publicación la siguiente carta:
“La Coruña, 31 Diciembre 1921
Sr. Director de EL ORZÁN.
Distinguido compañero: Mucho he de agradecerle dé publicidad en el periódico de su digna dirección a las siguientes líneas:
Que desde esta fecha cesa en absoluta mi intervención en la ‘Irmandade da Fala’ de La Coruña y en la revista ‘A nosa terra’, cuya dirección vine ejerciendo hasta ahora.


Sin más, anticipándole gracias, como siempre se reitera de V. afectísimo s.s.q.e.s.m.,A. Villar Ponte”.


Chama a atención que non tivese redactado a misiva en galego, feito que non podemos atribuír a unha tradución dos responsables do diario, xa que o texto -agás o nome da publicación- é idéntico ao aparecido tamén en El Ideal Gallego, por exemplo.
A nova tivo trascendencia máis aló do local e así La Zarpa / Diario de los agrarios gallegos, de 5 de xaneiro, no solto “Villar Ponte”, puntualizaba:


“Nuestro querido amigo Antonio Villar Ponte ha enviado a los periódicos coruñeses una carta diciendo que cesaba su intervención en la ‘Irmandade da Fala’ de aquella capital y en la dirección de la revista A Nosa Terra.


Por cierto que un periódico local, La Región, al dar cuenta de esta noticia incurrió en una ixexactitud al decir que el señor Villar Ponte ‘se separaba’ de dicha Irmandade.


El batallador nacionalista no ha hecho sino dejar de intervenir por el momento en los trabajos cotidianos de la citada colectividad, pero no darse de baja como uno de los afiliados de mayor significación en el ideal nacionalista, al que seguirá prestando el calor de su espíritu y la cooperación de su pluma culta y prestigiosa”.


E, cando menos un pouco tempo, así foi. Mesmo nos boletíns non se perciben cambios significativos nin cambios de actitudes persoais. É por iso que A Nosa Terra, no seu número de 15 de febreiro, inserta un anuncio da “Doctrina Nazonalista / por / Ramón Villar Ponte / Con un entroito de José Puig y Cadafalch, / Presidente da Mancomunidade catalana / Os pedidos ao Administrador de ‘A Nosa Terra’”, propaganda reforzada nese mesmo número ao incluír, no epígrafe “Doctrina Nazonalista” da sección “Novos libros”, unha reseña desa obra. Despois de indicar “Fai poucas datas púxose á venda nas mais importantes librerías de Galicia un libro interesantísimo do noso querido irmán Ramón Villar Ponte”, di que está prologado por Puig y Cadafalch e que “É unha constestación aos valeiros argumentos que os enemigos do nacionalismo galego veñen empregando en contra de nós”, engadindo:
“’Doctrina Nazonalista’, como o folleto de Vicente Risco ‘Teoría do Nazonalismo Galego’, son d’unha grande utilidade , pois dan a conoscer o noso ideal e enseñan a moitos cal é o verdadeiro galeguismo”.


Na recensión fálase tamén de que o libro está moi ben editado e que está feito en forma dialogada. Esta cuestión exemplifícaa reproducindo un diálogo. A pregunta: “-¿Que se enxerga por nazonalismo?”. A resposta -non a poño completa-: “-N-outros termos: O nazonalismo é o berro que un pobo que se sinte capacitado para gobernárese a si mesmo, sen tutorías alleas, ceiba có fin de que o Estado que lle ven servindo de tutor e de guía o reconeza como maior de edade e, polo-o tanto en disposición de rexírese a sí mesmo”.


Dedica, ademais, unhas liñas ao apartado “A Lingua como fundamento primordial de nazonalización”, antes de concluír con estas palabras : “A nosa embora ao noso irmán Ramón Villar Ponte por esta patriótica labor tan necesaria”. Se cadra, o propio autor non tería feito uns comentarios tan gabanciosos da súa obra.


Eran eses os días previos á celebración da IV Asemblea.
Xusto un mes antes, no número de 15 de febreiro, daba á luz o anuncio “A IV Asamblea Nacionalista” no que se dicía:
“A Irmandade de Ferrol ten proposto ao Consello permanente das Irmandades a celebración da IV Asamblea Nacionalista. Os catro irmáns que forman o Consello estánse relacionando para tomar acordos encol da proposición dos irmás ferrolás. Quizais no próisimo número poidamos xa dicir cando e onde vaise celebrar esta Asamblea”.


Lembremos que na III Asemblea, celebrada en abril do ano anterior en Vigo, se creara un Consello Permanente integrado por Antón Villar Ponte, Manuel Banet Fontenla. Vicente Risco e o 1.º Conselleiro da ‘Irmandade’ da Cruña, que era Francisco M. Balboa, quen agora, reparemos, asumira a presidencia do Consello de Redacción d’A Nosa Terra.


O Consello Permanente decidiu lugar e datas para a celebración do evento, tal como recollía La Zarpa, de 11 de febreiro, no solto “Los nacionalistas / Próxima asamblea”:


“Los días 18, 19 y 20 de este mes se celebrará en Monforte la IV asamblea nacionalista, en la que se tratará de la organización definitiva de este partido y la acción a realizar en lo sucesivo.


De todas partes de Galicia acudirán a Monforte las personalidades afiliadas al nacionalismo y numerosos asambleístas.
Estarán representadas en la asamblea las colonias gallegas de Buenos Aires y la Habana”.


Catro días despois, o 15 de febreiro, aparecía o número d’A Nosa Terra, que, no solto “A IV Asamblea Nazonalista”, informaba moito máis polo miúdo do acordado polo consello dirixente. Sete puntos do regulamento que veremos na entrega da próxima semana.

A IV Asemblea nacionalista (LXV)

Te puede interesar