Miércoles 12.12.2018

A IV Asemblea nacionalista 4 (LXVIII)

Finalizaba a entrega anterior indicando que mercé a que se conserva a copia autorizada da acta da IV Asemblea que o Conselleiro Supremo Vicente Risco lle remitiu á Irmandade de Betanzos coñecemos os nomes dos asistentes á mesma

Xosé Calviño, asistente á asemblea de Monforte
Xosé Calviño, asistente á asemblea de Monforte

Finalizaba a entrega anterior indicando que mercé a que se conserva a copia autorizada da acta da IV Asemblea que o Conselleiro Supremo Vicente Risco lle remitiu á Irmandade de Betanzos coñecemos os nomes dos asistentes á mesma. Dicía, ademais, que eses nomes non coincidían con exactitude cos que publicara o xornal La Zarpa.

No solto “En Monforte / La Asamblea nacionalista”, aparecido no número do martes 21 de febreiro, o diario ourensán informaba, con certa amplitude, do acontecido na asemblea dos irmandiños.

Baixo o epígrafe “Algunos acuerdos”, recollía que “En la organización definitiva del partido nacionalista, se acordó designar éste con el nombre de ‘Irmandade nacionalista gallega’, a la que pertenecerán como delegaciones todas las entidades nacionalistas de Galicia, España y América”. Informa, tamén, de que “Aceptada la proposición de una jefatura unipersonal, fué nombrado por aclamación consejero supremo del partido nacionalista D. Vicente Risco”.

Ademais “En asuntos de propaganda se adoptaron diferentes acuerdos, entre ellos el de intensificar la fecunda labor de cultura que el nacionalismo viene realizando, creando la conciencia nacionalista gallega, difundiendo en Galicia la doctrina de su liberación y del rescate de su propia personalidad”.

No epígrafe “Conferencias en el Casino de Monforte”, daba conta de que, a instancias da directiva desa institución monfortina, na noite do domingo deran conferencias nos seus salóns os señores Peña Novo, Noguerol, Risco, Castelao e Quintanilla, dando catro apuntes sobre o que falara cada un deles.

No epígrafe “Los asistentes”, despois de informar de que presidira a asamblea “el catedrático D. Vicente Risco” e de que actuara como secretario “el abogado Sr. Noguerol”. incluía a relación dos asistentes en representación das Irmandades nacionalistas de toda Galicia, que eran:

“De la Coruña, Villar Ponte (Antonio), Francisco Balboa, Peña Novo y José Calviño.

De Ferrol, Jaime Quintanilla, Eugenio Charlón y Villar Ponte (Ramón).

De Pontevedra, Alfonso R. Castelao y Losada Diéguez.

De Rianjo, Manuel Antonio.

De Vigo, Manuel Lustres Rivas y César Quiroga.

De Monforte, Manuel Banet Fontenla, Jesús Pérez, Castor Cornide, Antonio Rodríguez Somoza y M. Banet Díaz-Varela.

De Orense, Vicente Risco, Arturo Noguerol, Otero Pedrayo, Montes, Villot, Sánchez, Monjardín y Blanco Torres.

El Grupo Arxentino de Buenos Aires había delegado su representación en don César Quiroga”.

Recollía, así mesmo, as “Adhesiones” e chama a atención que entre elas non houbese ningunha da Coruña. Si se adheriron persoas que se moverían no ámbito da creada Irmandade Nazonalista Galega.

Na citada acta da Asemblea dise:

“Comenzou co-a presentacion das credenciais, achandose persentes os irmaus Euxenio Charlon,  Ramón Villar Ponte e Xaime Quintanilla pol-a Irmandade de Ferrol; Roberto Blanco Torres, Farruco Lamas e  Arturo Noguerol pol-a Mocedade Galeguista d’Ourense; Manuel Lustres Rivas pol-a Mocedade Galeguista de Vigo; Manoel Antonio, pol-a de Rianxo; Alifonso R. Castelao e Antonio Lousada Diegues, de Pontevedra; Carlos Quiroga de Cordova (Republica-Argentina); Lois Pena Novo pol-a Irmandade da Cruña; Xesus Peres Fernandes, Castor Cornide e Antonio Rodrigues Somosa por Monforte”.

Como xa manifestei anteriormente é notorio que estas dúas relacións presentan certas diferencias. Na da acta, a oficial, non se recollen os nomes dos catro membros que compuñan o Directorio, todos eles presentes e que figuran na relación de La Zarpa como representantes de cadansúa localidade . Outra diferencia que resulta curiosa é que na relación da acta non aparezan representadas as localidades de Ourense e de Vigo, senón a Mocedade Galeguista de cada unha desas cidades. E aínda resulta máis chamativo ver como en representación desas mocedades figuran persoas con idades que non semellan, precisamente, ser as máis adecuadas para militar nesas agrupacións: Lustres Rivas 34 anos, Blanco Torres 31 ou Noguerol nas portas dos 30. Chama tamén moito a atención o feito de que na acta só figure como representante da Irmandade coruñesa Lois Peña Novo -estaban tamén os dous membros do Directorio, Villar Ponte e Balboa-, polo que penso que hai que entender que esa agrupación, á vista do que figuraba no regulamento, era sabedora oe que ía acontecer e decidiu asistir practicamente dun xeito testimonial. Xa decidira, sen dúbida, non integrarse na nova organización. Como así foi.

Segundo se recolle na acta, a Asemblea comezou ás catro e media da tarde no salón de sesións do Pazo Consistorial presidida polos catro membros do Directorio: “irmaus Banet Fontenla, Farruco M. Balboa, Vicente Risco e Antón Vilar”.

Ese feito de que o Concello de Monforte lles tivese cedido ás Irmandades o salón capitular para que nel celebrasen sesións da IV Asemblea nacionalista era moi positivamente valorado polo autor do solto “De la Asamblea nacionalista / Capítulo de impresiones”, aparecido no número de La Zarpa do día 25 de febreiro: “tiene un gran valor, porque, constituído el Municipio monfortino por ediles de los partidos llamados conservador y liberal, enemigos irreductibles de la libertad de Galicia, la decisión de ceder la sala capitular a los asambleistas, significa el reconocimiento expreso de la fuerza que los nacionalistas representan, sin que la galantería que la cesión implica disminuya la importancia del hecho”.

Despois das acreditacións, segundo a acta, o irmán Risco repartiu o regulamento e os temas da Asemblea e acto seguido se procedeu á elección dos membros da mesa presidencial que quedou constituída con Vicente Risco, presidente, Antón Lousada, vicepresidente, Arturo Noguerol, secretario, e Manoel Antonio, vicesecretario.

Seguidamente, o presidente “pideu xuramento a todol-os irmaus que non o tiñan feito nas anteriores Asambreias, que foron: todol-os repersentantes da de Monforte, Farruco Lamas, Calros Quiroga, Alifonso Castelao, Manoel Banet Díaz e Xosé Calviño, que o prestaron, postos en pe todol-os asambreístas”.

Unha vez aberta a Asemblea, Xaime Quintanilla e Blanco Torres leron as propostas da Irmandade de Ferrol e da Mocidade de Ourense relacionadas co primeiro tema (“Plan de organización definitiva das Irmandades da Fala e do Partido Nacionalista galego”) e a continuación déuselle a palabra a Francisco Balboa “pra unha custion incidental que logo d’espricada sintetizou na proposta segunte: ‘Que habendo un regramento das Irmandades, aprobado en anteriores asambreias, pregaba a Asambreia acordase, que todal-as entidades nazonalistas o acatasen’”.

O tema suscitou moito debate e nel interviron case todos os asambleístas. Unha vez finalizada a discusión suspendeuse a sesión por uns minutos para reiniciarse ás seis e media da tarde. Risco, como presidente, formulou dúas proposicións. A primeira dicía: “Que as entidades nazonalistas teñen o mesmo regramento”. E a segunda: “Que sirva de base pra o mesmo o regramento da Irmandade da Cruña”. Sometidas a votación, a primeira aprobouse por unanimidade, coa abstención de Banet Fontenla e a segunda foi rexeitada por quince votos contra os votos dos irmáns da Cruña. Deberon ser estes o do propoñente, Francisco Balboa, e o de Peña Novo.

Comentarios