As Irmandades botan a andar o Día de Galicia (IX)

Nos “Estatutos d’Os Amigos da Fala Gallega, asinados na Coruña, a 18 de maio de 1916, por Antón Villar Ponte e Robustiano Faginas, nada se di de crear un día significado para a causa do país e do idioma. Fálase si, no artigo 1º, referido a “Objetos y fines”, de que “se dedicará en todos los aniversarios de la muerte de los grandes cultivadores del idioma gallego que hayan recibido sepultura en esta ciudad un homenaje que consistirá en visitar su tumba, manteniendo así en nuestras almas el culto al galleguismo”.
Nesa altura, como resume o texto que acompaña á entrega dos estatutos no Goberno Civil, como era preceptivo par a legalización, a “Hirmandade dos amigos da fala” estaba “encaminada como el nombre indica a fomentar el amor y el uso del idioma gallego”. Era, pois, unha asociación eminentemente cultural con moi escasa -poderíase dicir que case ningunha- carga política, cando menos no papel, dado que calquera reivindicación do uso do galego neses momentos non deixaba de ser unha reivindicación de carácter político.
Mais, no plano político, eses primeiros estatutos están lonxe dos redactados dous anos despois, o Regramento das “Irmandades da Fala”, aprobado pola xunta xeral de 12 de xuño de 1918 e presentado ese mesmo día para a súa legalización. De entrada, no artigo VI do Capítulo I, Fis da Sociedade”, explicítase claramente; “E pol-o derradeiro, sendo a política o goberno do pobo, e dependendo do bon goberno o seu progreso, fará labor política de porpaganda e d’aición”. Nese regulamento tamén se recolle formación de seccións, unha delas denominada “Seición política”, que tiña a función de “Faguer porpaganda política por medio de mitis, xornales, folletos, etc.”, tal como se recollía no seu apartado 1º. Non obstante, en ningún momento se fala do 25 de xullo nin de calquera data significativa.
Tampouco nada se di no decisivo “Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo”, asinado o 18 de novembro de 1918, que tiña como conclusión “Previa” que “Tendo a Galicia todal-as características esenciaes de nazonalidade, nós nomeámonos de oxe para sempre, nazonalistas galegos [...]”, e no que se fala de “Autonomía Integral pr-a Galicia”, de Autonomía Municipal, de Cooficialidade dos idiomas galego e castelán, da Federación da Iberia...
Sería a “II Asambleia nazonalista de Galicia”, celebrada en Compostela os días 7, 8 e 9 de novembro de 1919, a que fixou o 25 de xullo como Día de Galicia, data que, por coincidir cunha significada festividade de carácter relixioso, levantaría certos desacordos. Os defensores da data, alegaban que a escolla radicaba na significación mítica e simbólica do 25 de xullo e non na significación relixiosa. Andado algún tempo houbo propostas de mudar a data pola do 17 de decembro, pois en tal día de 1483 Pero Pardo de Cela, “o Mariscal”, fora decapitado en Mondoñedo por orde dos Reis Católicos, propostas que, é sabido, non prosperaron.
Así, o número d’A Nosa Terra, aparecido o propio 25 de xullo de 1920, publicaba o editorial “Alborada”, no que lembraba o acordo da II Asambleia nazonalista e manifestaba as arelas de dentro de poucos anos, o 25 de Xullo, non haxa fogar galego, aldean ou vilego, que deixe d’esteriorizar o seu patriotismo no “Día de Galicia”. Ese ano comezara a dar exemplo A Coruña, exempl o que agardaban continuasen todas as cidades galegas. O patriótico texto finalizaba con estes desexos
“Irmáns, amigos i-enimigos: faigamos votos no “Día de Galicia”, porque a nosa terra chegue a conquerir o imperio espritoal na futura e groriosa civilización atlántica que xa escomenza a xurdire enchendo da diviña saudade, “do que foi e do que agardamos”, o curazón dos bós e xenerosos.
¡E o momento hestórico “de ser ou non ser” prá terra na que fumos nados nos e nosos pais i-abós”.
E a cousa non debeu saír nada mal se atendemos ao solto “El Día de Galicia”, que, un ano despois, publicaba o diario ferrolán El Correo Gallego, tan pouco proclive á causa do galeguismo:
“El “Día de Galicia” como se le denomina desde el año pasado al del 25 de Julio, se celebrará en varios pueblos de la región con verdadero entusiasmo, según leemos en la Prensa.
El “Circo de Artesanos” y otras sociedades de la Coruña engalanarán sus balcones con banderas gallegas, lo mismo que muchos particulares. 
La banda de música de regimiento de Isabel la Católica, ejecutará en el paseo del Relleno un programa de obras gallegas, exclusivamente, y el coro “Cántigas da Terra”, en el mismo lugar, cantará algunas canciones “enxebres”.
Por su parte el Ayuntamiento hará ondear [sic] -y esto es la primera vez que se efectúa- en su Palacio, la bandera gallega.
Y la “Irmandade da Fala”, propónese celebrar una velada en la que se pronunciarán discursos y se dará lectura al hermoso poema del genial Ramón Cabanillas, cuyo título es “O Cabaleiro do Sant Grial”. 
Daquela a hoxe, dun xeito ou doutro, con prohibicións e represións, o 25 de xullo está instaurado como festa nacional galega, chámese “Día de Galicia”, Día Nacional de Galicia” ou “Día da Patria Galega”. As Irmandades non erraran o camiño.

As Irmandades botan a andar o Día de Galicia (IX)

Te puede interesar