Iolanda Muíños: “Se aquí non hai traballo collemos a furgoneta e tiramos para fóra”

Iolanda Muíños: “Se aquí non hai traballo collemos a furgoneta e tiramos para fóra”
camila bossa e muíños, nunha imaxe promocional do espectáculo

A actriz Iolanda Muíños (Premio María Casares) está inmersa nunha minixira local co espectáculo “Malos hábitos”, unha comedia de José Prieto que defende con Camila Bossa (“Mareas vivas”, “Matalobos”). Así, hoxe, ás 21.30 horas, o dúo actuará na taberna Cantón Vello (Taxonera, 1) para representar a peza coa entrada a 5 euros. O dúo repetirá posteriormente, o sábado 2 de febreiro, no Pazo da Cultura de Narón, cunha versión da peza preparada especialmente para un espazo escénico máis grande.

Sobre “Malos hábitos” di Muíños: “É unha obra protagonizada por dúas monxas de clausura surrealistas e inocentes que saen do convento e lle explican ao público como é a súa vida alí e o que fan: manualidades, olimpiadas, etc. No fondo é un espectáculo para criticar moitos aspectos da relixión que tanta xente tivo que tragar na súa vida. Estreámolo hai un ano e o resultado en toda Galicia foi excelente, con esa ironía típica de Jose Prieto”.

 

un momento difícil

Preguntada polo tema, a actriz naronesa analiza o difícil momento actual da escena galega: “Houbo boas épocas nas que eu non traballei e malas nas que si o fixen, pero no momento actual é difícil ser optimista: O Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) non ten dirección nin programación, está paralizado. O IVE cultural subiu ata o 21%, varias compañías desapareceron e noutras só traballan unha ou dúas persoas, que son os donos... Parece que o obxectivo é acabar co teatro en Galicia, senón eu non entendo nada”.

Se o presente está como está, do futuro inmediato Iolanda Muíños asegura estar á expectativa dos acontecementos: “Estamos pendentes de se o Agadic empeza a programar dunha vez, pero falando con Camila Bossa –a súa compañeira en “Malos hábitos”– non temos problema se hai que traducir o texto, coller a nosa furgoneta e írmonos por España adiante para actuar onde nos contraten. Unha cousa teño moi clara: na casa non podemos quedar.”

 

Iolanda Muíños: “Se aquí non hai traballo collemos a furgoneta e tiramos para fóra”

Te puede interesar