martes 24/11/20

Intensa actividade de dinamización e achega de recursos na corentena das bibliotecas escolares

O peche dos centros educativos por mor do estado de alarma trasladou á rede a actividade académica, que segue a atopar nos blogues das bibliotecas escolares un importante elemento de dinamización
Contacontos, actividades de concienciación, obradoiros de reciclaxe e manualidades ou concursos son algunas das actividades organizadas cada curso desde a biblioteca escolar “Carlos Labraña” do CEIP Nicolás del Río de Cedeira
Contacontos, actividades de concienciación, obradoiros de reciclaxe e manualidades ou concursos son algunas das actividades organizadas cada curso desde a biblioteca escolar “Carlos Labraña” do CEIP Nicolás del Río de Cedeira

Son as xanelas ás que se asoman todas as materias; as portas que se abren a gran parte dos proxectos desenvolvidos nos centros; a ágora na que toda a comunidade educativa atopa un espazo para o fomento da lectura, a coordinación de proxectos, o desenvolvemento de múltiples actividades e para á socialización.

As biblioteca escolares seguen moi activas a pesar da crise da Covid-19. Os seus blogues, que xa antes da situación actual eran o espello no que se reflectían as súas propostas, constitúen agora ademais a canle de comunicación entre os docentes e ao alumnado. Tamén un interesante contedor de recursos para toda a familia, coa achega de propostas propias e alleas e relacionadas en moitos casos coas conmemoracións fixadas cada curso no calendario como pode ser o Día da Ciencia, o Día o Libro ou o Día das Letras Galegas, entre outras.

O último trimestre, que por mor da situación actual se desenvolve desde o fogar, é sempre moi intenso a nivel de celebracións nas que a biblioteca xoga un papel esencial.

Couceiro Freijomil
No CEIP Couceiro Freijomil de Pontedeume, por exemplo, tiveron que mudar á rede a festa dos maios que tan arraigada está no colexio. “Todos os anos levamos os nosos maios ao concurso do Concello, mais este ano a iniciativa tivo que ser virtual, polo que animamos aos nenos e nenas a enviar fotos das súas composicións florais”, comenta a coordinadora da biblioteca, María Carmen Cascallar.

A duodécima edición do certame de poesía, pola súa banda, tivo que ser suspendida.

Nicolás del Río
A actividade tamén continúa, e con moita intensidade, na biblioteca escolar “Carlos Labraña” do CEIP Nicolás del Río de Cedeira. A súa responsable, Rebeca Lebrancón, destaca entre as propostas ofrecidas en abril a presentación do conto orixinal sobre a mascota da biblioteca, “Percebiño”, con ilustracións, texto e canción creados por Diego Cheda e Quique Vázquez, veciños da vila e asiduos colaboradores da biblioteca. “Sempre tratamos de relacionar os nosos proxectos con Cedeira”, di. Nos días previos ás Letras Galegas compartiron tamén a través do seu blog un programa de radio realizado polos titores de segundo de Primaria co seu alumnado desde as súas respectivas casas. A conmemoración do 17 de maio, dedicado este ano ao profesor, escritor e lingüista ferrolán Ricardo Carvalho Calero, incluíu tamén orixinais propostas con un “scape room” sobre o autor, do que se achegaron vídeos e outros recursos para divulgar a figura e obra do homenaxeado.

Unha entrevista feita por alumnos e alumnas de cinco anos á escritora Antía Yáñez é outra das actividades ás que, neste confinamento, se lle deu difusión a través da páxina da biblioteca escolar cedeiresa.

IES Fernando Esquío
No IES Fernando Esquío de Neda, Begoña López é a coordinadora dunha biblioteca que segue moi viva, aínda que sexa de forma virtual. “Gústanos enganchar aos rapaces polo curiosos que son, por iso tratamos de achegarlles cousas interesantes, curiosidades de ciencia, de historia...”. Con esta finalidade naceu precisamente a sección “Agochado no andel”, que ten como finalidade proporcionarlles, neste tempo de confinamento, libros que forman parte dos fondos da biblioteca e “que lles recomendamos non por ser novidade, senón por ser esenciais, interesantes e relevantes para a súa identidade lectora”, comenta. “Imos colgando no blog cousas que lles poden atraer e que ás veces non saben que están á súa disposición”, engade.

Un concurso de papiroflexia, impulsado desde o club de lectura manga, é outra das propostas dirixidas ao alumnado neste tempo de confinamento.

Comentarios