Íñigo Asier Sanz e Javier Jareño López, gañadores dos Curuxa do Humor de Fene

Íñigo Asier Sanz e Javier Jareño López, gañadores dos Curuxa do Humor de Fene
O xurado reuniuse onte

Íñigo Asier Sanz Nieto, na categoría Curuxa Gráfico para maiores de 25 anos, e Javier Jareño López, no Curuxa Nova (de 16 a 25 anos), son os gañadores da vixésimo terceira edición do certame de humor gráfico Curuxa do Humor convocado polo Concello de Fene. Ademais, Sandra López Díaz e Beatriz Rodríguez Gregores alzáronse co segundo premio nas respectivas categorías.


Así o comunicou onte o xurado encargado de resolver o fallo logo dunhas reñidas deliberacións pola gran calidade dos traballos. Este estivo formado polo alcalde, Gumersindo Galego; a concelleira Rocío Bértoa; a responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos; e polos humoristas gráficos José Antonio Rodríguez López, “Gogue”; Fernando Iglesias Mouta, “Kohel”; e Ana Martínez Fernández –os dous últimos gañadores do certame en 2018–.


Desta volta, o xurado valorou o compromiso, a denuncia e o humor negro da obra de Sanz Nieto, presentada baixo o título “Leo” e o lema “Refugiados e migrantes”. Da obra de Sandra López Díaz, titulada “Se tan bo é ha facer bo lume”, salientou o modo no que reflicte a diferenza de utilidade das cousas segundo as diferentes xeracións, conectando cunha certa tradición do humor gráfico galego.

Do gañador do Curuxa Nova, Javier Jareño –que presentou o traballo baixo o título “Para sempre” e o lema “Carpe Diem”– puxeron en valor a poética e a mensaxe como representación naif do amor en tres fases, así como a sinxeleza do plano; salientado da segunda clasificada, Beatriz Rodríguez, a sinxelaza do trazo na súa obra “Brecha xeneracional”, co lema “Greg Rodrik”.


Exposición
O vindeiro 27 de setembro, o Museo do Humor inaugurará unha exposición cunha selección de traballos que concorreron á convocatoria, coincidindo co acto de entrega de galardóns. Tamén se habilitará na web do museo unha galería virtual coas obras presentadas nesta edición.
O Curuxa Gráfica está dotado con 2.000 euros para o gañador e 1.500 euros para o segundo. No caso do Curuxa Nova, o primeiro recibirá 1.000 euros e 500 o segundo premiado.Todos recibirán ademais un diploma.

Íñigo Asier Sanz e Javier Jareño López, gañadores dos Curuxa do Humor de Fene

Te puede interesar