Miércoles 12.12.2018

A II Asamblea Nacionalista (XLI)

Vimos como a meados de 1919 o nacionalismo tiña entre mans dúas importantes ocupacións, con certas conexións entre si: preparar a II Asemblea Nacionalista e organizar a estratexia

Arturo Noguerol
Arturo Noguerol

Vimos como a meados de 1919 o nacionalismo tiña entre mans dúas importantes ocupacións, con certas conexións entre si: preparar a II Asemblea Nacionalista e organizar a estratexia a seguir para poder obter bos resultados nas eleccións municipais, tema, obviamente, que debería tratarse na asemblea que ía ter lugar con anterioridade. Citei o solto “Da vida municipal / Temos que loitar”, aparecido n’A Nosa Terra de 15 de xullo, no que había referencias ben explícitas á necesidade de participar nesas eleccións e de conseguir representantes nos concellos, tribunas idóneas para espallar o ideal da redención galega. Por iso, facíase preciso ir á loita electoral en canto sitio houbese posibilidades de conseguir un edil nacionalista e preparar os procesos participativos co tempo suficiente para evitar improvisacións, que adoitan acabar mal.
Viuse, así mesmo, como no decenal A Nosa Terra de 5 de setembro de 1919 aparecera un solto no que se informaba da próxima convocatoria asemblearia nunha cidade aínda pendente de decidir por parte do directorio.
Un mes despois, no boletín de 5 de outubro d’A Nosa Terra, un artigo sen asinar, “Pra todol-os irmáns / A próisima Asambreia”, daba conta dos obxectivos e intereses que habería que fixar na II Asemblea. Creo que a súa lectura paga a pena:”Nos derradeiros dias d-iste mes tense acordado, pol-o Directorio das Irmandades, celebrar a segunda Asambreia nazonalista.En principio tense pensado que seña en Santiago e dempois do dia vinte.Todol-os membros do Direitorio están acordes na necesidade de celebrala axiña, porque se preparan grandes acontecimentos políticos e faise perciso estar preparados, con unidade de aición, pra dar outra vez comezo â campaña nazonalista, oxe limitada pol-as circunstancias de suspensión de garantías e xeneral paralización da política centralista.É tamén pensamento da maioría dos nazonalistas dar maior amplitude â nosa autuación política; por iso na Asambreia tamén será punto intresante a tratar o das nosas afinidades con outros elementos que, sin ser inda marcadamente nazonalistas, son fundamentalmente anticaciquiles, como sociedades agrarias e diversos grupos de opinión san que agardan orientaciós seguras para decidírense a loitar.Por iso, parte da Asambreia adicarase a tratar asuntos excrusivos das Irmandades, e outra parte adicarase a asuntos de intrés xeneral para todol-os galeguistas. Por iso tamén serán admitidos na Asambreia todal-as representaciós de organismos ou entidades, que residindo en Galicia, non teñan ningún achego nin contacto co-as organizaciós caciquiles, pra que xuntos todol-os bos galegos, veñan do campo que queiran, poidamos chegar a unha intelixencia pra o acabamento do caciquismo e o afincamento do ideal galeguista. Compre pois, que todol-os irmáns que teñan pensado asitir, vayan preparando temas e ponencias, para facer unha labor seria y-eficaz, tendo en conta que serán sempre de preferencia aqueles temas que se refiran â nosa autuación inmediata, porque, dempois de quedar fixado o noso programa na Asambreia de Lugo, a labor d-esta segunda Asembreia debe ser eminentemente práitica. E con esto queda dito que non haberá un cuestionario de temas ô que se suxeten os asambreistas, porque iso era anular a iniciativa, sempre fecunda, dos asistentes, sinon que se discutirán os que libremente presente cada entidade e a Asambreia declare que son pertinentes, como na de Lugo. No próisimo número daremos detalles compretos do día, sitio, e duración da Asambreia. Oxe somente nos resta insistir sobor da comenecia e inda a necesidade de que asistan o maior númaro posibre de irmáns; porque sin dúbida será de grandísima trascendencia a próisima Asambreia”.
Como se ve, coa decisión de abrir a asemblea a elementos alleos ás Irmandades tentábase que o nacionalismo, lonxe de ser disgregador, como algúns lle apuñan, actuase xustamente como o contrario, como aglutinador de tendencias con ideas máis ou menos afíns sobre determinados temas que eran causa dos males do país. Talmente o caciquismo.
Finalmente, o Directorio decidiu convocar a II Asemblea en Santiago, entre os días 7 e 9 novembro.
Penso que no artigo de Arturo Noguerol –que acabaría os seus días en Ferrolterra (era secretario do Concello de Serantes), paseado en setembro de 1936–, “No víspera da II Asambleia / As intransixencias i-os escrusivismos dos nazonalistas”, aparecido no número d’A Nosa Terra de 5 de novembro, podemos atopar claves do que pretendía o nacionalismo con esa convocatoria.
Iniciábao con esta tallante afirmación de fe: “Os nazionalistas [...] está chamados a sere os salvadores de Galicia n-o azaro que s’aveciña a xuzgar pol-o carís qu’están tomando as cousas”. Para avanzar era precisa a unidade de acción e na asemblea de Lugo, sen preocuparse dos principios de onde manaban aspiracións coincidentes, creárase o xermolo da “unidá”, na que desta volta se pretendía afondar. Lembraba e aseguraba que os nacionalistas galegos -porque “non loitan pol-as persoas senon por Galicia”- están decote dispostos “a non escatimartll’as loubas ós que non loitan n-as suas filas, cando fan algunha cousa atinada pra Galicia”. E poñía de exemplo o feito de que non puxeran reparos para louvar o señor Besada polo decreto do ano 1918 no que poñía nas mans das parroquias “a y-arma con qu’acabare c’o caciquismo, arma que por disgracia lles abarballará o siñore Bugallal csi os paisanos non se dan presa a tomarse a xusticia pol-a man”. E finaliza respondendo á pregunta retórica que fai sobre se “¿Está vosté seguro de qu’os que combaten ó nazionalismo non están trabucados?”. Segundo el, o nacionalismo atopa oposición porque a maior parte das persoas que están afeitas ô favoritismo y-a política de ‘quítate ti pra porme eu’, ou da ‘loita de mozos conta vellos’ como di un amigo meu, mételles medo ista regra fundamental d’a Etica nazionalista: ‘Nada ô home pol-o home. Todo o gallego por Galicia’”.
E chegaron os días.
O diario coruñés El Orzán –un dos xornais que máis amplamente informou das xornadas santiaguesas– no solto “En Santiago / La Asamblea nacionalista”, aparecido no seu número de 7 de novembro, daba conta dos movementos dos irmandiños da provincia da Coruña para estar presentes nos actos de Compostela:
“Ayer estuvieron en esta capital, de paso para Santiago, varios representantes de núcleos galleguistas de diversos pueblos de la provincia. En los automóviles que hacen el servicio entre La Coruña y la ciudad del Apóstol, salieron ya algunos de aquéllos y hoy saldrán otros, con objeto de tomar parte en la II Asamblea nacionalista gallega que con esta fecha se inaugura, como es sabido, para clausurarse el domingo.
Las sesiones se celebrarán en el salón de actos de la Sociedad Económica de Amigos del País.
En ella tomarán parte, no sólo los nacionalistas, sino agrarios, regionalistas y algunos poetas, artistas y catedráticos que anhelan ver plenamente desenvuelta la personalidad regional. Cuantos concurran a la Asamblea, según se nos dice, tendrán voz y voto.
Organízase una jira a Santiago para el domingo, por entusiastas del regionalismo, de cuyos detalles se entera a cuantos desean figurar en ella, en la ‘Irmandade da Fala’.
Continuaría, como habemos ver, informando puntualmente do acontecido nas sesións asamblearias. l

Comentarios