Miércoles 12.12.2018

A II Asamblea Nacionalista 2 (XLII)

Tal e como quedara fixado polo Directorio, a II Asemblea Nacionalista tivo lugar en Santiago, entre os días 7 e 9, no rexo edificio manierista do século XVII, antigo Colexio de San Clemente, que era a sede da Económica

Colexio de San Clemente de Santiago, hoxe IES Rosalía de Castro
Colexio de San Clemente de Santiago, hoxe IES Rosalía de Castro

Tal e como quedara fixado polo Directorio, a II Asemblea Nacionalista tivo lugar en Santiago, entre os días 7 e 9, no rexo edificio manierista do século XVII, antigo Colexio de San Clemente, que era a sede da Económica, como era coñecida a Sociedade Económica de Amigos do País.
Xa se viu como o díario coruñés “El Orzán” informaba do paso pola Coruña de galeguistas de diferentes localidades da provincia para apañar o transporte que os conducise cara Santiago para participar na Asemblea, que estaba aberta, tamén, a xentes alleas á Irmandade.

A prensa do día 8 daba conta do acto inaugural, ao que asistira numerosa concorrencia, que fora presidido por Felipe Gil Casares, nesa alturas catedrático de Institucións de Dereito Romano, quen en 1923, a raíz do golpe de estado de Primo de Rivera, se convertería no primeiro alcalde compostelán da ditadura e anos despois,  en novembro de 1936, sería designado reitor da Universidade de Santiago polo goberno dos sublevados. Mais nese momento... Acompañábano na presidencia os tamén catedráticos da Universidade Cabeza de León e Deloufeu y Poch, así como os dirixentes nacionalistas Peña Novo, Risco, Noguerol e Quintanilla.

Segundo se di no solto “La asamblea nacionalista gallega / Discuirsos de los Sres. Peña Novo, Deulofeu e Gil Casares”, aparecido na primeira plana de El Ideal Gallego do día 8, o primeiro orador foi Peña Novo, que “pronuncia su discurso en dialecto regional”. Iniciouno recordando que o programa nacionalista galego, que constitúe o “Idearium político” das aspiracións “de la Pequeña Patria”, se definira na primeira Asemblea e que non se ía discutir nesta segunda porque xa fora sancionado polas directivas de todas as “Irmandades d’a fala”. A continuación indicou que se decidira facer a Asemblea en Santiago porque  “aquí existe la Universidad literaria, de donde saldrán los hombres que aquilatarán los valores de la futura Galicia, redimida y autónoma”. Fixo, tamén, un chamamento a aqueles que sentisen ansias nacionalista e que aspirasen á
transformación e á descentralización a actuar armonicamente para axudar ao común progreso de Galicia. Recordou que unha vez constituída a Asemblea se poderían presentar temas para someter a discusión, que se formularían por escrito “alejando todo personalismo político y toda forma de Gobierno”. E sinalou: “No se pretende más que el desarrollo de la cultura propia y hacer una Galicia por y para los gallegos, sin intromisiones de ajenos a la región”.

Finalizou dedicando un sentido recordo a Porteiro Garea, a quen a Asemblea debía tributar unha homenaxe, de onde surxirá a autonomía galega “de la que fué denodado defensor y paladín ilustre”.

Segundo “El Orzán” (De Santiago / La Asamblea nacionalista”) José Deloufeu y Poch, que foi o seguinte orador, comezou referindo que desde a infancia sentira o rexionalismo da súa terra catalá para, a continuación, combater o uniformismo por non consideralo natural e manifestar que “hay que ensalzar a las regiones, porque llegando a ser grandes todas ellas, podráse aspirar a hacer una España grande”.

Pechou o turno de intervencións Gil Casares, que fixo o resumo. Saudou os asembleístas e deu a benvida aos forasteiros. Indicou que o nacionalismo galego non era copia doutros nacionalismos, porque os nosos problemas eran diferentes aos doutras rexións e centrou a intervención atacando o caciquismo. Recordou que na propia asemblea collían por igual nacionalistas, rexionalistas, sindicalistas “y cualquier elemento, en fin, anticaciquil” e concluíu excitando os estudantes da Universidade a sumarse á cruzada para liberar a terra galega da opresión dos caciques.
Acababa “El Orzán” a información coa indicación de que se acordara celebrar dúas sesións diarias –ás 11 da mañá e ás 4 da tarde– e facendo saber que ao día seguinte os asambleístas acudirían a unha misa, na igrexa de San Francisco, en sufraxio de Porteiro.

No seu número do domingo día 9, “El Ideal Gallego”, no solto “La Asamblea nacionalista gallega”, insertaba ampla información do acontecido na Asemblea o día anterior. Informaba de que a sesión matinal comezara ás doce, despois da misa polo eterno descanso de  Luís Porteiro, que tivera lugar na igrexa de San Francisco, á que asistiran moitas persoas. A Mesa, a proposta de Xaime Quintanilla, quedou constituída por Antón Villar Ponte, como presidente, e Xesús Culebras e Tomás Rodríguez como vocais. Após a intervención de Peña Novo, presentáronse tres proposicións: a reforma da lei Electoral, con implantación do sistema proporcional nas eleccións a deputados a Cortes; a rápida construción do ferrocarril da costa e a posta en vigor, novamente, do suprimido decreto de Besada sobre os Consumos, “elemento importante par la redención de la ciudadanía gallega, y el gravamen de la tierra por foros”.

Discutíronse as tres proposicións e todos os asembleístas que interviron censuraron o caciquismo.

A sesión da tarde comezou ás catro. Manuel María González, avogado e membro da Xuventude Republicana de Santiago, pediu que se fixese constar que as Irmandades eran neutras en relixión e política. Fíxoselle ver que iso xa o viñan practicando, mais, como este señor seguía insistindo en que se consignase “oficial y públicamente”, votouse e a petición foi desbotada.

Aprobáronse como conclusións: o intercambio cultural entre España e Portugal e a franquía aduaneira entre ambos os países para as obras de carácter cultural, así como a libre entrada de portugueses en España e viceversa. Aprobouse, ademais, que o galego fose incluído –ao igual que o catalán e o vasco– na Real Academia Española, proposición esta que tivo que ser votada fronte a outra, presentada por Castelao, que pedía que o galego fose incluído na Academia da Lingua Portuguesa. Tamén se aprobaron a autorización aos Concellos para urbanizar as cidades; a creación en Galicia dunha Bolsa do Traballo para protexer a ida e o regreso dos que ían a América -co obxectivo de facilitarlles a emigración en boas condicións técnicas e costearlles o retorno aos que non puidesen continuar aló-; un tribunal social, con representación dos agricultores, para mediar entre obreiros e patróns; representación das industrias pesqueiras de Galicia na Xunta de Valoracións e Aranceis e tamén dos sindicatos agrícolas, aínda que non teñan os mil afiliados que marca a lei; que o Estado concerte con empresas privadas a construción dos grandes portos que el non pode construír; que fosen declarados de interese público os parques e solares públicos destinados “a juego de foot-ball”, etc. e que se celebrase a Festa de Galicia o día do Apóstolo Santiago.

Igualmente se aprobou un extenso plan de estudos galegos (xeográfico, filolóxico, arquitectónico, económico, de Dereito, Economía e Instrución pública) presentado pola Irmandade de Ourense ao que se lle engadiu a creación dunha Escola de viaxantes de comercio, proposta Arturo Noguerol. Tamén a proposta de Paz Andrade de crear unha Escola de xornalistas galegos e a da creación dunha cátedra de Historia galega e outra de Dereito político galego, así como o traslado á Universidade de Santiago da cátedra de Lingua e Literatura galega que existía na Universidade Central.

Conforme ao interesado por Peña Novo, unha comisión de asembleístas visitaría aos catedráticos da Universidade compostelá para pedirlles que, de acordo coa autonomía universitaria, figurasen nos planos de estudo do seguinte curso esas cátedras que se solicitraban.

Peña Novo pediu, ademais, que nas Escolas de Comercio se desen ensinanzas prácticas, mesmo creando nelas almacéns ou comercios.
Esta información de El Ideal Gallego, contrasta coa ofrecida por El Orzán, onde o corresponsal resumía o sucedido deste xeito: “Las sesiones de hoy. - Discusiones y alborotos. - Asembleístas que se retiran. - Final tumultuoso”.

Haberá que dicir algo deses alborotos e tumultos. l

Comentarios